A Consellería de Educación fai publicas unhas instrucións sobre o procedemento para a autorización de títulos universitarios oficiais para o curso 2011/2012

Introdúcese un novo mecanismo para a racionalización da oferta do Sistema Universitario Galego (SUG)

Mar, 09/11/2010 - 12:31

A Consellería de Educación ven de publicar as instrucións sobre o procedemento a seguir para autorización de títulos oficiais que se desexen implantar no curso 2011-2012.

Deste xeito a Consellería da un paso máis no proceso de adaptación da oferta de titulacións do Sistema Universitario Galego (SUG) ao Espazo Europeo de Estudos Superiores (EEES). Xa en outubro de 2009 emitíronse unhas instrucións sobre o procedemento para a implantación de títulos oficiais para o curso 2010-2011, co fin de facilitar as labores de coordinación do SUG que son competencia da Consellería.

A Secretaría Xeral de Universidades da Consellería considera necesario facer públicas, neste momento, as novas instrucións sobre o procedemento a seguir para a autorización de títulos de grao, máster universitario e doutor. Estas liñas teñen como obxectivo facilitar o traballo de coordinación coas universidades do SUG mentres non entra en vigor a nova normativa nesta materia.

A redacción destas instrucións ven derivada do remate da primeira fase de adaptación dos títulos universitarios o EEES. Neste momento estanse a impartir un total de 209 másters e 152 doutoramentos no SUG. Unha cifra que fai precisa a racionalización nas novas solicitudes de oferta académica por parte das universidades, co obxecto de verificar a pertinencia socio- económica das novas propostas, esixíndolles que aporten unhas valores engadidos ao sistema.

Desde xeito a Consellería volve a demostrar, unha vez máis, a súa eficiencia na xestión de recursos e o seu carácter dialogante xa que estas instrucións están consensuadas nun alto porcentaxe coas universidades galegas, tal e como se reflicte  no documento no que están redactadas as propostas aprobadas por eles.

Requisitos de autorización

As instrucións inciden na necesidade de cumprir cunha serie de requisitos. No caso dos másters universitarios, terase en conta a pertinencia económica e priorizaranse os que cumpran polo menos con tres das seguintes condicións: os que outorguen competencias profesionais; sexan interuniversitarios e que participen nel un mínimo de dúas universidades do SUG; teñan unha orientación laboral ou práctica; ter demostrada viabilidade económica: xustifique o apoio e colaboración de empresas e institucións do contorno socioeconómico; ter garantidas as prácticas do estudantado; fomentar o espírito emprendedor; cubrir a formación superior de persoal en áreas de elevada demanda laboral; ou ter un carácter internacional.

E no caso dos doutoramentos, á hora da concesión terán preferencia aqueles que cumpran co requisito de ser interuniversitarios (coa participación de universidade do SUG ou do sistema español, europeo ou internacional) e ademais deberán ter demostrada a viabilidade económica.

Informe previo

Con esta instrución a Consellería da un paso máis de cara á adaptación universitaria ao EEES primando a calidade por riba da cantidade. Deste xeito instaurase un mecanismo de análise previo que ata agora non existía, e que aplicará a Consellería a través dun informe que filtre as solicitudes que as universidades presentan antes do envío das mesmas a Madrid.