Cultura e Educación pon ao dispor da comunidade educativa galega un renovado e mellor web institucional

O sitio edu.xunta.es está desde hoxe activo co seu novo deseño e introduce melloras no seu rendemento, seguridade, uso e sociabilidade

Mér, 02/09/2015 - 20:07

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, en colaboración coa AMTEGA, vén de renovar o seu portal web edu.xunta.es, que desde hoxe mesmo está ao dispor da cidadanía galega. As actuacións, baseadas en Drupal 7, permiten melloras no rendemento, seguridade, uso e sociabilidade desta ferramenta institucional, ademais da adaptación e harmonización co deseño web corporativo da Xunta de Galicia.

As melloras que se achegan neste redeseño amósanse a través dunha interface máis amigable e moderna do web do departamento educativo autonómico. Trátase dun esforzo máis para achegarse e responder eficazmente ás demandas de coñecemento e información por parte da comunidade educativa galega. Así, póñense en marcha ferramentas como a nube de etiquetas, que permite a visualización das palabras máis empregadas do sitio web e o acceso inmediato a temas frecuentes ou a opción multilingüe galego-castelán.  

O seguinte paso, que se acometerá en breve, será a migración de contidos e a adopción do dominio .gal, apoiando a divulgación da marca galega na rede.

Máis social, accesible e interactivo

Cómpre destacar que neste novo web todas as novas teñen a opción de recomendar a través das redes sociais máis estendidas: Twitter e Facebook. Así mesmo, co fin de mellorar as características de acceso universal, incorpórase a funcionalidade de “Escoitar” en todas as novas publicadas. Finalmente, esta ferramenta dispón no apartado da Unidade de atención a centros (UAC) dun formulario para a comunidade educativa que permite o envío de consultas, comentarios, incidencias, etc.