O conselleiro de Cultura e Educación salienta o bo avance das obras no CIFP As Mercedes, que permitirá ter un centro renovado no curso 2017/2018

Recordou que se trata dun proxecto a medio prazo que permitirá dotar dos talleres e equipamentos máis modernos a un dos CIFP de referencia da provincia

Román Rodríguez visitou ademais as obras de ampliación do CEIP Laverde Ruíz, en Outeiro de Rei

Lun, 31/08/2015 - 13:25
O conselleiro de Cultura e Educación salienta o bo avance das obras no CIFP As Mercedes, que permitirá ter un centro renovado no curso 2017/2018
O conselleiro de Cultura e Educación salienta o bo avance das obras no CIFP As Mercedes, que permitirá ter un centro renovado no curso 2017/2018

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, visitou hoxe as obras de reposición do Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) As Mercedes que, segundo salientou, avanzan a bo ritmo co obxectivo de acadar un centro totalmente para o curso 2017/2018. De feito, están rematando os traballos correspondentes á primeira fase da actuación, consistente do desprazamento da pista polideportiva e construción de parte do edificio de ampliación.

Neste sentido, lembrou que desde o mes de xullo se están executando as obras correspondentes ás fases II e III, que teñen un prazo de execución de 21,5 meses, co fin de que interfiran o mínimo posible na vida docente. En concreto, estes traballos consistirán na demolición dos talleres existentes para a súa substitución por uns novos no novo edificio, así como da pasarela que o conectará co antigo. Ademais, rematarase a edificación do novo volume construtivo.

Román Rodríguez –que estivo acompañado polo secretario xeral técnico da Consellería, Jesús Oitavén; e a xefa territorial na provincia de Lugo, Mariña Gueimunde– lembrou, así mesmo, que a fase IV, de reforma do antigo edificio, se irá programando por anualidades para compatibilizar as obras de ampliación coa continuidade da actividade lectiva.

O titular do departamento educativo da Xunta de Galicia recordou que o das Mercedes é un proxecto a medio prazo que permitirá dotar dos talleres e equipamentos máis modernos a un dos CIFP de referencia da provincia, cun investimento por parte da Xunta de máis de 5,8 millóns de euros.

CEIP Laverde Ruíz

O conselleiro de Cultura e Educación visitou ademais esta mañá o CEIP Laverde Ruíz, en Outeiro de Rei, onde se están a acometer obras as fases II e III das obras de reforma e ampliación do centro; coas que se completa a mellora do colexio a través dunhas obras que supoñen un orzamento total –entre as 3 fases– de preto de 222.000 euros. Grazas ao conxunto da reforma o centro contará con ata 75 novos postos escolares ao crearse 3 novas aulas de educación infantil no edificio anexo.

As obras executadas este verán teñen como obxectivo  a creación de 2 novas aulas con aseos compartidos no edificio anexo.Ademais, amplíase o comedor mediante o traslado actual zona administrativa do edificio principal aproveitando parte do soportal do edificio. Con isto conseguirase mellorar o servizo administrativo dotándoo de tres despachos independentes para dirección, xefe de estudios e secretaría, que na actualidade dispoñen dun único local. Ademais, modifícase a actual sala de profesores e reubícase o local destinado a conserxería. Así mesmo, reestruturarase a zona de entrada ao edificio, que actualmente dispón dun espazo de cortaventos moi reducido.

A primeira fase da reforma, xa rematada, consistiu na construción dunha aula de infantil con aseo propio; así como dun novo acceso para o alumnado transportado ao soportal de entrada ao edificio, dunha porta de emerxencia no comedor do centro, e dun patio cuberto para o alumnado de infantil adosado ao edificio, cunha superficie de preto de 154 metros cadrados. Así mesmo, colocouse un proxectado de monocapa nunha das fachadas do centro.

Segundo explicou o conselleiro, o obxectivo da ampliación é atender o constante incremento de matrícula deste CEIP. Neste sentido, sinalou que as melloras se enmarcan no plan de renovación e mellora de infraestruturas e equipamentos da Consellería de Cultura e Educación, que supón un investimento de preto de 18,4 millóns de euros, e que ten entre os seus obxectivos dar resposta ás necesidades de creación de novos postos escolares nas zonas nas que a demografía así o demanda.