Cultura e Educación e cinco empresas do sector metalúrxico unen forzas para reforzar a formación do alumnado a través da FP Dual

O conselleiro Román Rodríguez e os representantes das diferentes entidades asinaron hoxe no concello de Valga un convenio de colaboración para poñer en marcha un ciclo superior de Construcións Metálicas na modalidade de formación profesional dual

As empresas, que facilitarán os espazos ou as persoas expertas para impartir os módulos, acollerán un mínimo de 12 alumnos e alumnas

Mar, 18/08/2015 - 13:51
Cultura e Educación e cinco empresas do sector metalúrxico unen forzas para reforzar a formación do alumnado a través da FP Dual
Cultura e Educación e cinco empresas do sector metalúrxico unen forzas para reforzar a formación do alumnado a través da FP Dual

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e os representantes de cinco empresas do ámbito da metalurxia asinaron hoxe no concello de Valga un convenio de colaboración co obxecto de poñer en marcha un proxecto de formación profesional dual vinculado ao ciclo de grao superior de Construcións Metálicas.

En virtude deste convenio, as entidades asinantes -Extrusionados Galicia S.A, Aluminios Padrón S.A.U, Gama e Hijos S.L, Sistemas Técnicos de Accesorio e Componentes S.L e Talleres ODL de Carpintaría Metálica S.L- e mais o IES de Valga alternaranse os procesos de ensino e aprendizaxe do alumnado, reforzando así a súa formación para, ao mesmo tempo, mellorar a súa empregabilidade e a súa entrada nun futuro no mercado laboral.

Neste senso, a formación do alumnado será impartida de xeito compartido entre as empresas –o que garante unha aprendizaxe en base a equipamentos actuais e en circunstancias de traballo reais– e o centro educativo. Deste xeito, e tal e como queda recollido no convenio, as entidades facilitarán aos centros os espazos, instalacións ou as persoas expertas para impartir, total ou parcialmente, determinados módulos profesionais ou módulos formativos.

Ademais, durante o tempo de estadía do alumnado na empresa, o 5% dese tempo deberá dedicarse a formación complementaria a maiores da establecida no currículo do ciclo. Este tipo de iniciativas mostran, por tanto, o interese das empresas locais non só por participar na formación dos futuros profesionais, senón tamén por axudalos e guialos de cara á actividade laboral, promovendo a empregabilidade da xente moza.  

O convenio hoxe asinado terá vixencia ata a finalización do proxecto, que se estenderá dende o próximo 1 de outubro ata o 30 de setembro de 2017, abranguendo, por tanto, dous cursos escolares.     

Bolsas para o alumnado

As empresas participantes neste proxecto acollerán entre todas un mínimo de 12 alumnas e alumnos, aos que poderán realizarlles entrevistas psicoprofesionais e probas de coñecementos para valorar a idoneidade dos candidatos e candidatas con respecto ao perfil da entidade.

Durante o período de estadía na empresa, os estudantes recibirán unha bolsa por un importe mínimo de 350 euros mensuais, que se encargará de financiar a sociedade de destino. Ademais, o alumnado tamén terá dereito a un mínimo de trinta días naturais de vacacións en cada un dos cursos do proxecto.

Mellorar a inserción laboral

A FP Dual permite a unión de forzas e sinerxías entre empresa e centro educativo, fomentando a participación máis activa das primeiras no propio proceso formativo do alumnado e permitindo que estas coñezan dun xeito máis próximo a formación que reciben, cada vez máis adaptada ás demandas dos sectores produtivos.

Esta aposta por un esforzo conxunto entre o ámbito educativo e empresarial favorecerá unha maior inserción do alumnado no mundo laboral xa dende o seu período de formación, posto que coñecerá de primeira man as necesidades e o funcionamento das empresas do seu ámbito de estudo.