A Consellería de Educación celebra o XXV aniversario da Escola Técnica Superior de Enxeñeiros de Telecomunicacións de Vigo

Ao acto asistiu o secretario xeral de universidades, José Alberto Díez de Castro

Ven, 29/10/2010 - 14:38

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria congratúlase da celebración do XXV aniversario da Escola Técnica Superior de Enxeñeiros de Telecomunicacións (ETSET) de Vigo. Nos actos organizados na xornada de hoxe con tal motivo estivo presente o secretario xeral de Universidades, da Consellería de Educación, José Alberto Díez de Castro, en representación do conselleiro, Xesús Vázquez Abad.

Durante a súa intervención o secretario xeral felicitou a ETSET e destacou o novo reto que ten fronte de si coa implantación do plan Bolonia, do que sinalou que “leva consigo un gran esforzo. No mundo globalizado no que vivimos o noso sistema educativo precisa dun gran cambio. Non debemos permanecer alleos ó que é unha corrente xeneralizada e temos non só que aceptar os cambios senón promovelos. Un dos máis fundamentais é este no que estamos inmersos: a construción do "Espazo Europeo de Educación Superior” A todo isto engadiu que “este cambio ten que dar lugar a un sistema educativo de calidade para que sexamos quen de garantir que a economía española e a galega sexan cada vez máis competitivas”.

Para lograr isto Díez de Castro recordou que é preciso a colaboración de todos empezado pola administración, así “a Xunta vén de acordar coas tres universidades do Sistema Universitario de Galicia (SUG) a cantidade dispoñible para o orzamento de 2011, que ascenderá aos 390 millóns de euros. Deste xeito, mantense o presuposto destinado a estas institucións académicas e o Goberno galego ratifica a súa aposta estratéxica polo ensino universitario, malia a crise económica actual. Co orzamento proposto para 2011 a Xunta cumpre o seu compromiso co futuro do sistema de ensino universitario de Galicia”.

Historia do centro

Este acto conmemora os 25 anos de traballo desenvolvido pola ESTET, que comezou o 2 de novembro de 1985 sendo nese momento a terceira escola desta rama de enxeñería en España. Desde ese momento, e ata agora, polas máis de tres mil alumnas e alumnos realizaron os estudos desta especialidade e hoxe unha ampla representación dos mesmos estiveron presentes nesta onomástica.

Xunto a Díez de Castro estiveron presentes o vicereitor de economía da Universidade de Vigo, José Manuel García Vázquez; o vicepresidente do consello social de UVigo, Luis Carrera Pásaro; a directora da ESTET, María Edita de Lorenzo; o decano do Colexio de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, Eugenio Fontán; o presidente da Academia de Enxeñería de España e primeiro director da ETSET, Aníbal Figueiras; e o alcalde de Vigo, Abel Caballero.