Román Rodríguez visita o alumnado que participa nas estadías de inmersión lingüística no Centro Residencial Docente de Vigo

A Consellería de Cultura e Educación convocou un total de 682 prazas para que estudantes de ESO e Bacharelato melloren as súas competencias en lingua inglesa durante este verán con profesorado nativo en distintos centros residenciais da Comunidade Autónoma

Os 90 rapaces e rapazas que permanecerán dúas semanas no centro compaxinan as actividades educativas con outras lúdicas, que lles permite poñer en práctica o uso deste idioma en situacións reais

Lun, 20/07/2015 - 15:45
Román Rodríguez visita o alumnado que participa nas estadías de inmersión lingüística no Centro Residencial Docente de Vigo
Román Rodríguez visita o alumnado que participa nas estadías de inmersión lingüística no Centro Residencial Docente de Vigo

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, visitou esta mañá, no Centro Residencial Docente (CRD) de Vigo, os alumnos e alumnas que están participando no programa de estadías de inmersión lingüística en lingua inglesa promovidos polo Goberno galego e que se enmarcan dentro do Plan de Potenciación das Linguas Estranxeiras.

Un total de 90 rapaces e rapazas de 4º curso de ESO procedentes toda Galicia -atendidos por un grupo de 15 persoas entre profesores nativos e monitores- están participando desde o pasado domingo nestes campamentos, nos que as actividades educativas para mellorar as competencias en lingua inglesa se completan con outras de carácter lúdico para poñer en práctica o uso deste idioma en situacións reais. Trátase, por tanto, de que o alumnado poida desenvolver a súa comunicación en inglés nun contorno real, estimulando a práctica do idioma e a súa utilización en contextos comunicativos máis amplos que os que permite o ámbito escolar.

Na visita ao centro, o conselleiro de Cultura e Educación estivo acompañado do director xeral de Educación, FP e Innovación educativa, Manuel Corredoira.

Preto de 700 prazas para este verán

As estadías no CRD de Vigo súmase ás que tamén se desenvolven no Centro Residencial Docente da Coruña, neste caso para alumnos e alumnas de 2º e 3º de ESO; e ás dos Peares, nas que participa alumnado de Bacharelato.

Por tanto, en total convocáronse para este verán 682 prazas, das cales 590 son para estudantes de secundaria en réxime residencial en Galicia, mediante estadías de dúas semanas con profesorado nativo. As 92 restantes van dirixidas a alumnos e alumnas de Bacharelato, para mellorar as súas competencias en inglés, con estadías dunha semana en réxime residencial.

A estas prazas hai que sumar arredor doutras 300 máis convocadas para estadías que, como cada ano, se levarán a cabo en outono, entre os meses de novembro e decembro.

Contacto idiomático

O obxectivo desta iniciativa, enmarcada no Plan de Potenciación das Linguas Estranxeiras, non é só que o alumnado unha lingua estranxeira, senón que este o poñan en práctica durante todo o día nas diversas actividades previstas entre as que se inclúen obradoiros de teatro, actividades deportivas, excursións ou veladas nocturnas. Todo isto permitirá darlle unha formación lingüística, social, cultural e ambiental ao alumnado.