O secretario xeral de Universidades inaugurará o curso 2010/2011 da Universidade a Distancia en Ourense

No acto tamén estiveron presentes o alcalde da cidade de As Burgas e o presidente da Deputación de Ourense

Mér, 27/10/2010 - 19:30

O secretario xeral de Universidades, da Consellería de Educación, José Alberto Díez de Castro, en representación do conselleiro, Xesús Vázquez Abad, inaugurou esta tarde o novo curso universitario da Universidade Nacional Española a Distancia, no centro asociado de Ourense.

No presente curso universitario, este centro ten matriculados 1.403 estudantes, dos que 183 pertence ao curso específico de acceso para maiores de 25 anos; 622 xa están nos dos primeiros cursos dos 26 títulos xa adaptados a Bolonia de grao, entre estes o máis demandade e o de Psicoloxía. Ademais 565 matriculados continuarán nas licenciaturas e diplomaturas que xa viñan cursando; e 33 estudantes pertencen aos cursos de pos grao. A todos eles haberá que engadirlles as futuras alumnas e alumnos de curso específicos.

Pola súa banda durante a súa intervención o secretario xeral recordou que “estamos ante unha universidade con trinta e oito anos de experiencia e coa peculiaridade de facilitar o acceso aos estudos superiores a persoas que non poderían ter conseguido por razóns de renda, de lugar de residencia, de idade, etc. O que nos permite falar dun alumnado plural, con intereses e circunstancias propias e diferenciadas que converxen nuns anceios comúns, o do coñecemento e o do crecemento persoal”. Díez de Castro engadiu que co paso do tempo foi quen de adaptarse as novas necesidades de xeito que “colocouse á vangarda da educación non presencial ao poñer a disposición da comunidade educativa todos os medios tecnolóxicos ao seu alcance, para situala como pioneira no uso das tecnoloxías da información“.

Cómpre recordar que Díez de Castro fixo mención á colaboración estreita entre a Consellería e a UNED, tal e como quedou comprobado cos convenios asinados neste curso: para realizar prácticas do máster universitario en formación do profesorado, para actividades de formación permanente deste e para realizar o practicum dos títulos de Psicoloxía, Psicopedagoxía, Pedagoxía e Educación Social.

As intervencións

No acto tamén participaron o alcalde de Ourense, Francisco Rodríguez Fernández, que tamén é o Vicepresidente do Consorcio do Centro Asociado, que a súa vez está presidido por José Luis Baltar Pumar.

O secretario do centro asociado en Ourense, Julio Prada Rodríguez, foi o encargado de abrir o acto coa lectura da Memoria Académica do Curso 2009-2010. Tras a súa intervención foi o turno da profesora titular de Lingua Inglesa da Universidade de Vigo e Titora da UNED-Ourense, Elena de Prada Creo, cuxo relatorio xirou en torno a “English spoken: análise do “fracaso” aprendizaxe do inglés en España”. Ao remate cedeuse a palabra a María Blanca Trapote González, en nome dos recen titulados da UNED de Ourense.

Tras a intervención de todos eles realizouse unha entrega simbolica de diplomas a unha representación dos estudantes que remataron os seus estudos na UNED no curso 2009-2010. Todos os asistentes desfrutaron tamén coa actuación da coral “Camerata Auriense” que incluíu no seu repertorio o Gaudeamus.

Estreita colaboración

Coa presenza so secretario xeral de universidade neste acto vólvese a demostrar o apoio da Consellería ao desenvolvemento da UNED, coa que o pasado mes de setembro se asinaron tres novos acordos. En virtude destes documentos amplíase nun centenar do número de prazas para a realización do máster de profesorado; ademais se desenvolveran actividades de formación permanente do profesorado; o outro acordo permitirá a realización de prácticas do alumnado das titulacións de Psicoloxía, Psicopedagoxía, Pedagoxía, e Educación Social nos centros e institucións educativas dependentes da administración galega.