Cultura e Educación incrementa nun 45% as axudas a universitarios para intercambios con países extracomunitarios

A Consellería continúa apostando no curso 2015/2016 por favorecer a mobilidade internacional dos estudantes galegos cun incremento do número de beneficiarios e do importe máximo a percibir por alumno

Consolídase e refórzase este programa, iniciado no curso 2011/2012, que afonda nas vantaxes da apertura do SUG máis aló do Espazo Europeo de Educación Superior

Xov, 16/07/2015 - 12:21

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria favorecerá unha vez máis a mobilidade internacional do alumnado universitario galego a través da convocatoria de axudas publicada hoxe no DOG para os estudantes que participen durante o curso 2015/2016 en programas de intercambio con países extracomunitarios, agás o programa Erasmus.

De feito, para o vindeiro curso increméntase nun 45% a partida de axudas destinadas a tal fin, cun montante de 145.000 euros fronte aos 100.000 da pasada edición. Tamén se incrementa nun 10% a contía máxima da axuda por alumno, establecida agora en 1.100 euros fronte aos 1.000 euros de anosanteriores; así como o número de beneficiarios, que pasa de 100 a 140.

A través da presente convocatoria o departamento educativo da Xunta de Galicia busca premiar a excelencia do alumno, polo que a nota media do expediente académico será o único criterio de avaliación para aqueles que previamente cumpran cos requisitos esixidos na orde.

Para países extracomunitarios

O obxecto do programa, que se puxo en marcha por primeira vez no curso 2011-2012, é apoiar economicamente ao alumnado das universidades galegas e centros asociados da UNED en Galicia que participan nun programa de mobilidade autorizado pola súa universidade en países extracomunitarios, o que redunda na internacionalización do SUG.

Cómpre salientar que a mobilidade dos estudantes é un importante factor de estímulo para a competitividade do sistema universitario e leva aparellado unha maior riqueza e a apertura a unha formación de máis calidade. Así mesmo, permite ao alumnado participar nalgún tipo de actividade académica ou estudantil nunha institución diferente a súa mantendo a condición de universitario ou universitaria, integrándose nunha comunidade internacional e multicultural que mellorará os seus coñecementos profesionais e lingüísticos así como a súa cualificación.

Un mes de prazo

As axudas destináranse a alumnas e alumnos matriculados nunha universidade do Sistema Universitario de Galicia (Universidade de Santiago de Compostela, Universidade da Coruña ou Universidade de Vigo) ou nun centro asociado da UNED en Galicia que  participe en programas de intercambio, relacionados cos estudos que está a cursar, con países extracomunitarios.

A convocatoria que publica hoxe o DOG pode consultarse no enderezo electrónicohttp://www.xunta.es/dog/Publicados/2015/20150716/AnuncioG0164-080715-0005_gl.html , e os interesados dispoñen dun mes de prazo contado a partires de mañá para presentar as correspondentes solicitudes, preferiblemente vía electrónica (no enderezo https://sede.xunta.es , ou en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros legalmente establecidos.