Cultura e Educación destinará máis de 831.000 euros aos concellos para financiar o servizo de comedor a 2.844 nenos e nenas durante os próximos dous cursos

O Consello da Xunta autorizou hoxe a sinatura de convenios de colaboración cos concellos de Ames, Betanzos, Cangas, Ferrol, Gondomar, Meaño, Mugardos, Muíños, Santiago e Sarria, así como unha addenda de ampliación do convenio con Oroso

Deste xeito a Consellería reafirma o seu compromiso coa prestación deste servizo complementario, fundamental para a conciliación da vida laboral e familiar

Tamén autorizou convenios con tres asociacións para garantir o servizo de comedor a alumnado discapacitado nas provincias da Coruña, Ourense e Pontevedra, por un importe de case 26.500 euros

Mér, 15/07/2015 - 16:38

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria asinará convenios de colaboración cos concellos de Ames, Betanzos, Cangas, Ferrol, Gondomar, Meaño, Mugardos, Muíños, Oroso, Santiago de Compostela e Sarria para a prestación do servizo de comedor escolar en 40 centros educativos, grazas ao cal se lles facilitará a 2.844 usuarios acceder a este servizo complementario durante os próximos dous cursos, un 16,46% máis que os beneficiados nos cursos 13/14 e 14/15, por estes convenios. A achega total da Consellería para estes convenios será de máis de 831.000 euros (un 11,61% máis que nos dous períodos anteriores).

Coa autorización destes convenios a Consellería reafirma o seu compromiso co mantemento deste servizo complementario educativo, de fundamental importancia para a conciliación da vida familiar e laboral.

Centros beneficiados

Ao abeiro destes acordos, a Consellería apoiará ao Concello de Ames na xestión dos comedores dos CEIP A Maía, Agro do Muíño, de Barouta e de Ventín, e da EEI do Milladoiro. No caso de Betanzos o centro beneficiado será o CEIP Francisco Vales Villamarín e en Cangas serano os CEIP Nazaret, do Hío, Espiñeira-Aldán e A Rúa. No acordo co Concello de Ferrol incluiranse os comedores do CPI Almirante Juan de Lángara y Huarte e dos CEIP Cruceiro de Canido, Recimil, Isaac Peral, Manuel Masdias, San Xoán de Filgueira, Esteiro, Pazos, Ponzos e A Laxe; mentres que en Gondomar se incluirán os CEIP Souto de Donas, Serra de Vincios, Xosé Neira Vilas e Chano Piñeiro.

Ademais, no concello de Mugardos benefícianse destes convenios os usuarios dos comedores do CEIP Unión Mugardesa, CEIP Santiago Apóstolo e IES de Mugardos; e do CEIP Valle Inclán, en Muíños; así como os dos composteláns CEIP Apóstolo Santiago, Ramón Cabanillas, Cardenal Quiroga Palacios, Roxos-Villestro, Monte dos Postes, Mestre Rodríguez Xixirei, Fontiñas, Vite I e Raíña Fabiola. Por último, no concello de Meaño o convenio beneficiará aos usuarios de comedor do CEIP Coirón-Dena. Así mesmo asinarase por primeira vez convenio co Concello de Sarria para dar servizo de comedor á Escola de Educación Infantil de Sarria. Tamén se autorizou unha addenda co Concello de Oroso para seguir financiando a xestión do comedor e incrementar o número de usuarios no CEIP de Oroso, en Sigüeiro.

No marco destes acordos de colaboración, a Consellería subvencionará os menús dos comensais durante todo o curso escolar. Pola súa banda, os concellos comprométense á contratación da elaboración e servizo dos menús escolares, así como ao coidado e asistencia do alumnado durante as comidas.

A sinatura destes convenios é un novo paso na aposta que o departamento de Educación da Xunta de Galicia está a facer en prol do servizo de comedor escolar nos centros educativos.

No último curso 14/15 Cultura e Educación destinou preto de 30 millóns de euros aos comedores de xestión propia, así como ao cofinanciamento dos comedores xestionados polos concellos e polas ANPAS. Esta cifra supón duplicar o orzamento de 14,6 millóns que se destinaba en 2007 a este mesmo fin. Ademais o número de prazas de comedores incrementouse en 13.731 desde o curso 08/09, ata chegar no 14/15 ás 71.731 (comedores xestionados pola Xunta+ANPAS+Concellos).

En Galicia, o 83,47% dos usuarios dos comedores escolares xestionados pola Consellería utilizan o servizo totalmente de balde ou pagando tan só un euro, mentres que a contía máxima de 4,5 euros/día tan só o abonan un 12,3% dos usuarios. Esas cifras confirman que o servizo de comedor escolar en Galicia, baseado na renda familiar, é un dos sistemas máis xustos e asequibles para as familias de todo o Estado español.

Alumnado discapacitado

A maiores, o Consello da Xunta tamén autorizou hoxe a sinatura de acordos de colaboración entre a Consellería de Cultura e Educación e tres entidades sen ánimo de lucro de atención a discapacitados para posibilitar o uso do servizo de comedor escolar a este alumnado por un importe total de case 26.500 euros.

En concreto a Consellería asinará un acordo coa Asociación de Familias con Persoas con Discapacidade Psíquica Amicos, por un importe de 8.544 euros, para facilitar o uso do servizo de comedor escolar do alumnado discapacitado nun centro educativo de Ribeira (A Coruña). Cultura e Educación tamén colaborará coa Asociación Autismo Ourense para atender o comedor do alumnado discapacitado nun centro educativo desta cidade, cun importe de 4.272 euros; e coa Asociación Comarcal de Educación Especial Santísimo Cristo do Amor-ACCESCA, para o comedor nun centro do Porriño (Pontevedra), cun importe de 13.670,4 €.

Estes acordos responden ás liñas de actuación do departamento educativo da Xunta de apoiar aos colectivos máis vulnerables e, neste senso, o servizo de comedor escolar enmárcase no obxectivo básico de escolarización do alumnado discapacitado.