A Consellería de Educación premia os mellores proxectos de innovación en dinamización lingüística dos centros de ensino

O CEIP de Aguiño, o CEIP de Quintela, o CRA Mestra Clara Torres, o IES Perdouro e o IES Rodeira foron os gañadores da convocatoria de 2010

Mér, 27/10/2010 - 12:48

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria fixo pública hoxe a resolución da convocatoria para a realización de proxectos de innovación en dinamización lingüística en centros de titularidade desta consellería, para desenvolver no curso académico 2010-2011.

Os premiados da edición de 2010, na que participaron un total de 37 centros de toda Galicia,  foron o CEIP de Aguiño, en Ribeira (A Coruña), polo proxecto Onde a terra acaba e o mar começa; o CEIP de Quintela, en Moaña (Pontevedra), polo traballo En galego pola rede II; o CRA Mestra Clara Torres, en Tui (Pontevedra), grazas á iniciativa Unha andaina “Artic” en galego; o IES Perdouro, en Burela (Lugo), que se presentou co proxecto Dinamización sociolingüística de Burela: intervención dinamizadora da Sanidade; e, finalmente, o IES Rodeira, en Cangas (Pontevedra), polo traballo Que sorte falamos en galego!

As iniciativas seleccionadas recibirán unha dotación económica de 3.000 euros. Ademais, a Secretaría Xeral de Política Lingüística prestará o asesoramento necesario durante o desenvolvemento do proxecto, que se levará a cabo no curso académico 2010-2011, e organizará unha xornada de formación para o profesorado implicado nas iniciativas gañadoras. Ademais, Política Lingüística difundirá a través da rede as experiencias e a publicación dos materiais educativos, no web www.xunta.es/linguagalega.

Posta en valor dos proxectos innovadores que promovan o uso do galego

A través da Secretaría Xeral de Política Lingüística e mais da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria leva a cabo esta convocatoria para a realización de proxectos de innovación en dinamización lingüística en centros de titularidade desta consellería, unha iniciativa que busca fomentar o desenvolvemento de proxectos educativos innovadores que favorezan o uso da lingua galega.

A través dos Premios de Innovación en Dinamización Lingüística, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria pretende reforzar a dimensión comunicativa do galego en relación con contextos vivos, facilitarlle ao alumnado unha oferta educativa que o axude a percibir a utilidade desta lingua e que o capacite para o seu uso correcto e eficaz.