A Escola de Canteiros de Pontevedra, un viveiro para as empresas da construción, comezou o novo curso académico

O director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa asistiu hoxe á inauguración do ano académico neste centro

Lun, 18/10/2010 - 11:24

O director xeral de Educación, José Luis Mira valorou a importancia da escola de Canteiros de Pontevedra “que desde os seus inicios tivo como principais metas dar continuidade ao oficio de canteiro, ensinar a traballar a pedra e estimular a vocación artística para o desenvolvemento da artesanía do sector”, no acto da apertura do curso celebrada hoxe. Mira Lema puxo de relevo a contribución que no centro fai á creación de postos de traballo no sector da cantería, e a formar profesionais para as empresas de construción.

José Luis Mira agradeceu o labor desenvolvido neste centro buscando a máxima calidade da formación. Así, lembrou que os profesionais alí formados son “moi demandados, nos diferentes sectores dentro do campo do granito, non só pola formación teórico-práctica que reciben no centro, senón sobre todo por ter neles grande importancia a experiencia adquirida na súa participación en casos prácticos reais, como restauracións e reconstrucións”. “Coas súas modernas instalacións- engadiu- esta Escola é verdadeiramente pioneira na formación integral dos profesionais do granito”.

No acto estiveron tamén presentes o presidente e o vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán e Jose Juan Durán, respectivamente; así como o director da Escola, Rafael Fontoira.

Revalorización do sector

A Escola de Canteiros ten como obxectivo, xa desde o momento da súa fundación, en 1979, dar sentido e continuidade ao oficio de canteiro, que se atopaba en perigo de ser abandonado.

Así, entre as actividades realizadas na Escola de Canteiros de Pontevedra están as de ensinar ao alumnado a traballar a pedra, estimulando ao tempo a súa vocación artística, co fin de impulsar o desenvolvemento da artesanía no sector.

Con estas accións preténdese conservar e promover o patrimonio da arquitectura tradicional e a escultura popular na súa propia contorno, por medio da formación dun colectivo de profesionais que podan traballar tanto na restauración de monumentos arquitectónicos e escultóricos do patrimonio histórico-artístico de Galicia, como nos obradoiros artesanais da propia Escola.

Ampla oferta de estudos

A Escola de Canteiros de Pontevedra pon a disposición da cidadanía unha ampla oferta. Así, o alumnado pode matricularse nas ensinanzas oficiais e obter en tres anos (primeiro ciclo) o título de Canteiro, expedido pola Deputación de Pontevedra. Quen completen a súa formación durante dous cursos máis poderán obter a titulación de Mestre Canteiro.

Doutra banda, quen desexen completar a súa formación específica neste eido poderán facelo a través de cursos de cantería, escultura e debuxo artístico, e obter certificados de estudos por horas, expedidos tamén pola Deputación.