A Consellería de Cultura e Educación oferta 30 prazas de colaboradores bolseiros nos Centros Residenciais da Coruña, Ourense e Vigo para o curso 2015/16

O obxectivo destas bolsas é facilitar ao alumnado universitario aloxamento e manutención gratuíta no centro residencial, a cambio de que colabore co persoal profesional que traballa neles

Mar, 14/07/2015 - 11:05

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde pola que se convocan 30 prazas de colaboradores bolseiros nos Centros Residenciais Docentes (CRD) da Coruña, Ourense e Vigo para o curso académico 2015/16.

As bolsas ofertadas distribúense da seguinte maneira: 18 no CRD da Coruña, 6 en Ourense e 6 no centro de Vigo. Os adxudicatarios poderán utilizar os servizos da residencia de forma gratuíta durante o período de funcionamento en que estea aberta aos residentes.

O alumnado solicitante deberá ter 18 anos cumpridos, estar matriculado en estudos universitarios e posuír capacidade funcional para o desempeño do labor de apoio no desenvolvemento da actividade diaria da residencia. Así mesmo, deberá ser posible que compatibilice esta actividade cos seus estudos universitarios.

Prazos de presentación

O prazo para a presentación de solicitudes esténdese dende mañá, día seguinte á publicación da convocatoria no DOG, ata o 7 de agosto de 2015, sendo posible abrir un período extraordinario no caso de que non se cubran a totalidade das prazas ofertadas.

Antes do 31 de agosto de 2015 a comisión de valoración publicará no taboleiro de anuncios ou na páxina web do respectivo CDR a relación provisional de persoas excluídas indicando a causa e a puntuación provisional así como a listaxe de adxudicatarios e suplentes. As listaxes definitivas faranse públicas antes do 15 de setembro de 2015 nos taboleiros de anuncios ou nas webs dos centros.

Criterios de valoración

No proceso de selección dos candidatos a comisión de valoración que se constituirá en cada centro terá en conta a renda da unidade familiar, o rendemento académico e outros méritos como a experiencia derivada da participación en cursos e/ou actividades educativas ou o coñecemento de ofimática ou de linguas estranxeiras.

A convocatoria pode consultarse no DOG de hoxe, no enderezo http://www.xunta.es/dog/Publicados/2015/20150714/AnuncioG0164-030715-0001_gl.html