Educación adapta o currículo de deseño e fabricación mecánica á Lei de cualificacións profesionais

O Consello da Xunta aprobou hoxe o decreto para adaptación deste ciclo de grao superior

Xov, 14/10/2010 - 18:26

O Consello da Xunta deu hoxe luz verde á aprobación do decreto para a adaptación do currículo do ciclos superior correspondente ao título de técnico superior en deseño e fabricación mecánica á Lei orgánica de educación (LOE) e á Lei das cualificacións. Deste xeito, a Consellería de Educación ten xa adaptado 27 currículos nesta lexislatura (12 de grao medio e 15 de superior), quedando estes tamén harmonizados co Sistema Nacional das Cualificacións Profesionais.

Ademais, aprobou un novo decreto para regular a FP e modernizala, incluíndo as novas tecnoloxías e as linguas estranxeiras. Deste xeito dáse pulo a unha FP que facilita a posterior empregabilidade dos futuros titulados nos diferentes campos profesionais; que xa de por si acadan altas taxas de inserción laboral.

Prácticas e prevención de riscos

A partir desta adaptación, estes ciclos formativos pasan a ter unha duración de 2000 horas, e inclúen un módulo de formación en centros de traballo con que os estudantes completarán a formación adquirida no centro educativo mediante a realización de prácticas en situacións reais de traballo no ámbito produtivo da empresa, de acordo coas exixencias derivadas do Sistema Nacional de Cualificacións e Formación Profesional.

Ademais, inclúese formación relativa á prevención de riscos laborais dentro do módulo de formación e orientación laboral, que capacita o alumnado para levar a cabo responsabilidades profesionais equivalentes ás que precisan as actividades de nivel básico en prevención de riscos laborais.

Por outra banda, e co fin de facilitar a mobilidade desde a FP cara a outros estudos, nos novos currículos queda establecida a correspondencia dos módulos profesionais coas unidades de competencia para a súa acreditación, validación ou exención; así como os accesos a outros estudos, as validacións, exencións e equivalencias.