Ata 274 universitarios poderán beneficiarse do apoio da Consellería de Educación aos programas de mobilidade internacional das tres universidades galegas

O conselleiro e os tres reitores asinaron convenios de colaboración por importe de 328.800 euros para facilitar a estadía do alumnado das universidades do SUG con países extracomunitarios

Lun, 11/10/2010 - 12:06
Acto de sinatura do convenio
Acto de sinatura do convenio

Un total de 274 estudantes galegos poderán realizar intercambios con países de fóra da Unión Europea grazas ao apoio da Consellería de Educación aos programas de mobilidade internacional das tres universidades do Sistema Universitario de Galicia (SUG).

Para iso, o conselleiro de Educación asinou hoxe convenios cos reitores da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Juan Casares; da Universidade da Coruña (UDC), José María Barja; e da Universidade de Vigo (UVigo), Salustiano Mato, polos que se conceden bolsas destinadas a estas accións.

En total, a Consellería comprometeu un total de 328.800 euros para contribuír a soster o desprazamento e estancia dos estudantes durante as accións de mobilidade promovidas polas devanditas institucións académicas a países extracomunitarios.

Deste xeito, a Consellería de Educación demostra a súa aposta por estas iniciativas, que permiten ao alumnado participar en actividades académicas nunha institución diferente á súa. Ademais, estas experiencias brindan ao alumnado a oportunidade de se integrar nunha comunidade internacional convivindo nunha atmosfera multicultural, mellorando a eficiencia formativa e permitíndolle aproveitar ao máximo as súas potencialidades.