“É necesario afondar no prestixio social do galego para favorecer a súa vitalización”, asegura Anxo Lorenzo

O secretario xeral de Política Lingüística participou hoxe na inauguración do Foro Mugardos Lingua e Sociedade, que promove a Fundación Carlos Casares

Ven, 08/10/2010 - 18:16

O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, destacou a necesidade de “afondar no prestixio social do galego para avanzar no seu proceso de vitalización”. Así o afirmou durante a inauguración do I Foro Mugardos Lingua e Sociedade, sobre O prestixio social do galego, que tivo lugar hoxe no Pazo de Rilo desta localidade coruñesa.

O responsable de Política Lingüística afirmou durante a presentación que para lograr un incremento dos usos do galego, así como do número dos seus falantes, “o prestixio social é un piar fundamental”. En consecuencia, dixo Anxo Lorenzo, “temos que favorecer unha visión útil do galego e que sexa percibido polos cidadáns como unha lingua de prestixio”.

Anxo Lorenzo tamén agradeceu o labor da Fundación Carlos Casares, que promove esta iniciativa, así como o das entidades colaboradoras, entre as que se atopan o Concello de Mugardos, Forestal e Gadisa. A Secretaría Xeral de Política Lingüística tamén contribúe con I Foro Mugardos Lingua e Sociedade a través do convenio de colaboración que ten subscrito coa Fundación Carlos Casares.

O Foro Mugardos Lingua e Sociedade

O Foro Mugardos Lingua e Sociedade, que este ano leva o título O presitixio social do galego, celébrase entre hoxe e mañá no Pazo de Rilo (Mugardos).

Nel participan especialistas galegos e estranxeiros como Glyn Williams, Gabriel Rei-Doval, Xosé Luís Barreiro, Valentín García Gómez, Joan Argenter ou Fernando Ramallo, que falarán sobre como se constrúe o prestixio das linguas socialmente minoritarias, que variables definen ese prestixio e como se pode actuar sobre elas.

Esta primeira edición do foro, que ten vocación de continuidade, está destinada ao público xeral interesado no tema, aínda que tamén centrando a atención sobre lingüistas, sociólogos, profesionais de servizos de normalización, axentes e intermediarios culturais, estudantes etc. Preténdese un debate teórico sobre o tema, sempre dende unha óptica construtiva, así tamén apuntar algunha liña posible de actuación inmediata.

Menús News node R

Departamento