Cultura e Educación formaliza o contrato para a segunda e terceira fase das obras do CIPF As Mercedes, en Lugo

A Consellería destinará máis de 3,1 millóns de euros a estas actuacións que abranguen a remodelación total da zona de talleres e aulas anexas así como da primeira planta

Unha vez concluída a cuarta e última fase, o departamento educativo do Goberno da Xunta terá investido máis de 5 millóns de euros neste centro que será referente das ensinanzas de Formación Profesional en Galicia

Xov, 02/07/2015 - 13:20

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de formalizar o contrato para acometer a segunda e terceira fase das obras de ampliación do CIFP As Mercedes, en Lugo, por un importe de algo máis de 3,1 millóns de euros. O Diario Oficial de Galicia publica hoxe dito contrato, que pode consultarse no enderezo web http://www.xunta.es/dog/Publicados/2015/20150702/AnuncioG0164-180615-0001_gl.html .

Estas dúas fases das obras, que se inician este mesmo mes, abranguen aremodelación total da zona de talleres e aulas anexas e de planta primeira, con demolición e nova construción para cumprimento das vixentes normas de seguridade e adaptación ao currículo das ensinanzas de formación profesional que se desenvolven no centro. A actuación prevista pola Consellería completarase cunha cuarta e última fase, na que se acometerá a reforma das restantes aulas e zona administrativa.

Cómpre salientar que a día de hoxe está moi avanzada a primeira fase das obras (cun investimento de 1,4 millóns de euros), coa execución da estrutura, a fachada de paneis de formigón e as cubertas. Tan só quedan pendentes de rematar a terminación de traballos interiores en pavimentos e instalacións e a urbanización exterior.

O conxunto das catro fases das obras proxectadas neste centro supoñen un compromiso de investimento de máis de cinco millóns de euros que van colocar o CIFP As Mercedes nun referente das ensinanzas de Formación Profesional en Galicia.

De feito, unha vez rematados todos os traballos,máis do 50% da superficie total do centro –que se incrementará nun 23%– será totalmente nova, uns 5.000 metros cadrados, mentres que os outros 3.500 metros cadrados estarán completamente reformados.

O investimento neste centro únese ao xa realizado nos últimos anos, de 144.000 euros, ao abeiro do que se realizaron diversas melloras e reparacións nas súas instalacións, como o caso da instalación eléctrica, as cubertas, acondicionamento de espazos, ou a habilitación dun novo edificio para talleres, entre outras.