Os secretarios xerais de Cultura e de Política Lingüística visitan en Melide a mostra ‘Xosé Filgueira Valverde (1906-1996), un faro na construción de Galicia’
O proxecto expositivo itinerante co que a Xunta de Galicia homenaxea o autor das Letras Galegas 2015 fai parada na Casa da Cultura melidá ata o 30 de xuño
Percorrerá 22 puntos de Galicia ata final de ano
Xov, 25/06/2015 - 13:23
 Os secretarios xerais de Cultura e de Política Lingüística visitan en Melide a mostra ‘Xosé Filgueira Valverde (1906-1996), un faro na construción de Galicia’
Os secretarios xerais de Cultura e de Política Lingüística visitan en Melide a mostra ‘Xosé Filgueira Valverde (1906-1996), un faro na construción de Galicia’

Os secretarios xerais de Política Lingüística e de Cultura, Valentín García e Anxo Lorenzo, respectivamente, visitaron esta mañá a mostra ‘Xosé Filgueira Valverde (1906-1996), un faro na construción de Galicia’, coa que a Xunta de Galicia e mais a Deputación de Pontevedra homenaxean e dan a coñecer a figura, a vida e a obra do polígrafo pontevedrés ao que a RAG lle dedica as Letras Galegas 2015.

Durante a visita, na que os dous secretarios estiveron acompañados pola rexedora municipal, Ánxeles Vázquez Mejuto, o secretario xeral de Cultura puxo en valor “a contribución de Filgueira Valverde ao desenvolvemento da cultura galega e da configuración de Galicia, a través dos numerosos e decisivos proxectos nos que tomou parte ao longo da súa vida, en moi diversos ámbitos”. Dentro das innumerables facetas que desenvolveu, Anxo Lorenzo situou nun lugar prioritario a de creador literario e a de grande estudoso da palabra escrita, con destacadas achegas tamén na narrativa, no teatro e na poesía.

Pola súa banda, o secretario xeral de Política Lingüística destacou no percorrido guiado que fixeron polos diferentes elementos expositivos o importante labor exercido por Filgueira Valverde no tocante “á promoción do uso da lingua propia de Galicia, tanto desde os proxectos culturais nos que participou o polígrafo pontevedrés coma desde os cargos institucionais que exerceu precisamente no momento no que o galego trazou as que serían algunhas das liñas de futuro determinantes”.

Unha mostra itinerante e actividades de dinamización lingüística

“Xosé Filgueira Valverde (1906-1996). Un faro na construción de Galicia” componse de paneis informativos estruturados en dous bloques nos que se fai un percorrido polo traballo do intelectual na promoción da lingua galega, así como o seu papel na creación do Museo de Pontevedra e o seu labor docente no Instituto de Pontevedra. O proxecto, comisariado por Carlos Valle e por Ana María Costas, recolle as facetas profesionais do polígrafo nun amplo retrato cronolóxico da súa biografía. A mostra acompáñase dun detallado folleto de 12 páxinas que compila os datos a disposición de todas as persoas que se acheguen a visitala.

A exposición compleméntase (no caso dos concellos pertencentes á Rede de Dinamización Lingüística da Xunta) coa xincana “Xosé Filgueira Valverde na voz da xente”, que baixo a xestión da empresa Falcón Branco ofrecerá múltiples actividades de dinamización lingüística dirixidas a escolares dos últimos cursos de primaria e de secundaria, en colaboración cos equipos de dinamización da lingua galega dos centros de ensino dos devanditos concellos.

Logo de facer parada en Santiago de Compostela (Biblioteca Ánxel Casal), na Coruña (Biblioteca González Garcés), en Foz (centro Cenima) e mais en Melide (sala de exposicións da Casa da Cultura, onde se pode visitar ata o 30 de xuño), a mostra continuará o seu percorrido da man da Xunta de Galicia coas seguintes itinerancias: Boqueixón (Casa do Concello), Ponteceso (Fundación Eduardo Pondal), Lugo (Biblioteca Central Territorial), O Barco de Valdeorras (Teatro Lauro Olmo), O Carballiño (Auditorio), Oleiros (A Fábrica), Ferrol (Centro Cultural Carballo Calero), Cee (Casa da Cultura) e Ourense (Biblioteca Central Territorial).

Paralelamente e da man da Deputación de Pontevedra, tamén está previsto o percorrido dunha mostra xemelga -que arrancou de maneira simultánea en Lalín e que visitou xa Redondela- con paradas nos concellos do Porriño, Mondariz-Balneario, Marín, Vigo, Cambados, A Estrada e Cuntis. Serán en total 22 concellos galegos os que albergarán esta exposición arredor do autor homenaxeado pola RAG co gallo das Letras Galegas 2015, ademais da exposición ampliada do Museo de Pontevedra.