A Xunta de Galicia asinou no primeiro semestre de 2010 convenios de colaboración coas tres universidades galegas por valor de máis de 9,2 millóns de euros

O importe incrementouse un 13,27% respecto do mesmo período do ano anterior

Xov, 07/10/2010 - 19:27

As distintas consellerías da Xunta de Galicia, no primeiro semestre de 2009, asinaron coas universidades galegas 81 convenios de colaboración, o que supuxo un investimento de máis de 9,2 millóns de euros, un 13,27% máis que no mesmo período do ano anterior.

Segundo un informe elaborado pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, o importe medio que representou cada convenio para as universidades experimentou un aumento, desde os 90.615 euros no ano 2009 até 114.040 euros no primeiro semestre de 2010, por tanto, un aumento porcentual do 25,85%.

Doutra banda, quen máis actividade representou neste eido foron a Presidencia da Xunta de Galicia (con 17 convenios); Traballo e Benestar (16); Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza (11) e Cultura e Turismo (11).

Acción social e investigación

Respecto da finalidade dos convenios, o maior número de accións corresponde a axudas para as accións sociais, culturais, deportivas e voluntariado (en concreto 24, o 30% do total). Séguenlle os convenios para investigación (19), posgraos (16) e inserción dos egresados (14). Analizando as contías dos convenios, por concepto, destacan os de investigación que representan o 80,06% dos recursos achegados.

Con estas achegas, a Xunta de Galicia continúa a impulsar o desenvolvemento do Sistema Universitario de Galicia (SUG), mediante investimentos que contribúan a incrementar a excelencia e calidade do ensino superior galego.