Anxo Lorenzo inaugura en Vigo o “V Ciclo Escritores na Universidade”, unha iniciativa que promove a AELG

A Secretaría Xeral de Política Lingüística colabora neste proxecto que lles achega aos universitarios os diversos xéneros literarios en lingua galega

Xov, 07/10/2010 - 19:01
O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo
O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, participou hoxe na apertura do “V Ciclo Escritores/as na Universidade”

O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, participou hoxe na apertura do “V Ciclo Escritores/as na Universidade”, unha iniciativa que que promove a Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) coa colaboración de Política Lingüística e da Universidade de Vigo (Uvigo).

Durante a inauguración do ciclo, que tivo lugar na Facultade de Filoloxía e Tradución da UVigo, o responsable de Política Lingüística agradeceulle á AELG “o seu traballo e esforzo por manter viva esta iniciativa”. Neste sentido, o secretario xeral salientou a importancia de colaborar tanto coa AELG como co Centro PEN de Galicia neste tipo de actividades culturais nas que a lingua galega ocupa un papel central.

Así mesmo, Anxo Lorenzo expresou o seu desexo de “manter nos próximos anos esta colaboración coa AELG, a pesar das dificultades económicas que temos por diante”. Finalmente, o secretario xeral agradeceulle a súa implicación neste proxecto á directora do Departamento de Filoloxía Galega e Latina, Camiño Noia.

Estíbaliz Espinosa e Dores Tembrás participaron na primeira mesa redonda

Xunto con Anxo Lorenzo, participaron na inauguración do ciclo o escritor e vogal da AELG en Vigo, Francisco Castro, e mais a decana da Facultade de Filoloxía e Tradución, Rosa López, que coincidiron en salientar a relevancia deste tipo de actividades para visibilizar “e poñer nun primeiro plano os escritores e escritoras galegos”.

Logo da inauguración, o escritor Anxo Angueira presentou as poetisas Dores Tembrás e Estíbaliz Espinosa, que compartiron mesa na que foi a primeira das tres xornadas do ciclo, titulada “Poesía de muller. Poesía feminista”.

A colaboración de Política Lingüística coa AELG

A Secretaría Xeral de Política Lingüística e a AELG colaboran a través dun convenio na realización de diversas iniciativas de fomento da lingua e da literatura galegas. Ademais de iniciativas como o Ciclo Escritores na Universidade, a AELG impulsa no marco deste convenio unha importante tarefa de dixitalización de recursos e información, co fin de incrementar o Centro de Documentación dos Escritores/as instalado no portal web da asociación que preside Cesáreo Sánchez.

Menús News node R

Colectivo

Ensinanza