Os obradoiros dos Axóuxeres pechan hoxe en Santiago o seu percorrido por todas as cidades galegas

A Secretaría Xeral de Política Lingüística organizou un total de 30 sesións desta actividade de transmisión lingüística, dirixida aos bebés e ás súas familias

Xov, 07/10/2010 - 12:30

Os Obradoiros dos Axóuxeres pechan hoxe en Santiago de Compostela o seu percorrido polas cidades de Galicia, para achegarlles aos bebés e ás súas familias a lingua galega a través dunha actividade que combina masaxe infantil, música e mais cantigas de arrolo tradicionais. As familias inscritas poderán participar cos seus bebés nesta actividade que se desenvolverá hoxe no Centro Sociocultural e Xuvenil O Ensache en dúas sesións, a partir das 17:00 horas e das 18:00 horas.

Os Obradoiros dos Axóuxeres, que forman parte do programa de dinamización lingüística Os Axóuxeres da Secretaría Xeral de Política Lingüística, constitúen a gran novidade da edición deste ano. En total, a Secretaría Xeral de Política Lingüística organizou entre os meses de setembro e de outubro un total de 30 Obradoiros dos Axóuxeres por todas as cidades de Galicia, nas que tamén se celebraron as Festas dos Axóuxeres durante o mes de setembro.

O programa dos Axóuxeres, que conta con tres formatos –as Festas, os Obradoiros e os Encontros dos Axóuxeres– constitúe unha iniciativas coa que a Secretaría Xeral de Política Lingüística quere contribuír a que as familias valoren positivamente a lingua galega e a que lles transmitan o idioma aos seus fillos e fillas.

Sorteos para os participantes

Este ano, o programa dos Axóuxeres tamén está presente nas redes sociais, a través dos enderezos www.facebook.com/axouxeres e http://twitter.com/OsAxouxeres, Ademais, a Secretaría Xeral de Política Lingüística convida os participantes das Festas e dos Obradoiros dos Axóuxeres a compartir a súa experiencia nestas dúas actividades desde a súa páxina web (http://www.xunta.es/linguagalega contanos_como_vivistes_os_axouxeres). As persoas que envíen os seus comentarios entrarán nun sorteo de 7 lotes de produtos de lecer para a xente miúda da casa.

Menús News node R