Xesús Vázquez recibe aos auxiliares de conversa que enriquecerán o novo Plan de Potenciación das Linguas Estranxeiras

A Consellería organiza unhas xornadas de acollida para os axudantes de centros plurilingües, seccións bilingües e Escolas Oficiais de Idiomas

Mar, 05/10/2010 - 12:39
Xesús Vázquez Abad recibiu a 260 auxiliares de conversa
Xesús Vázquez Abad recibiu a 260 auxiliares de conversa

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, deu hoxe a benvida a os 260 auxiliares de conversa que apoiarán nos vindeiros meses o ensino de linguas foráneas nos centros educativos de Galicia, incluídas as Escolas de Idiomas, grazas ao Plan Galego de Potenciación das Linguas Estranxeiras.

O acto, celebrado na Escola Galega de Administración Pública (EGAP), en Santiago de Compostela, deu paso ao comezo dunha xornada de acollida, na que participan entre hoxe e mañá os axudantes de conversa correspondentes a centros educativos das 4 provincias galegas, e das Escolas Oficiais de Idiomas; acompañados polos titores de acollida designados en cada centro. Os auxiliares –en número catro veces superior ao do pasado curso- representan un mosaico lingüístico moi diverso xa que proveñen de Estados Unidos, Irlanda, Canada, Reino Unido, Francia, Alemania, China e Austría.

Na benvida, Vázquez Abad destacou a importancia destas persoas para achegar aos estudantes galegos a realidade cultural vencellada aos diferentes idiomas que están a aprender, ben sexa nos centros plurilingües ou nas seccións bilingües, como nas Escolas Oficiais de Idiomas. Neste sentido, o conselleiro lembrou que este curso académico o sistema de ensino de Galicia contará con catro veces máis auxiliares de conversa, 260 en total, grazas ao impulso do plurilingüismo que supón o Plan Galego de Potenciación das Linguas Estranxeiras. A comunidade galega é unha das que máis auxiliares recibe xunto a Andalucia e Madrid.

Ademais, o titular de Educación agradeceu aos recen chegados a súa presenza en Galicia que “colaborará no noso proceso educativo para conseguir que os alumnos galegos poidan mellorar o seu nivel de inglés, francés, alemán e chinés”. Asemade Vázquez Abad engadiu o agradecemento ás “persoas titoras, grandes potenciadores de iniciativas plurilingües nos centros educativos”. No acto estivo tamén presente o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, José Luis Mira Lema; e Natalio Ormeño, xefe de servizo de programas educativos da subdirección xeral de cooperación internacional do Ministerio de Educación.

Achegamento a Galicia

Tras o recibimento, os auxiliares asistiron a varios relatorios, que tiveron como obxectivo achegalos ás características dos sistema educativo galego e aos plans de mellora do coñecemento de linguas estranxeiras que nel se están a desenvolver, nomeadamente o devandito Plan de Potenciación das Linguas Estranxeiras.

Outra das finalidades desta xornada de acollida é a de familiarizar aos axudantes coas súas tarefas nos centros educativos, entre as que se atopan as de asistir ao profesorado para reforzar as destrezas comunicativas na lingua estranxeira que curse o alumnado. Asemade, entre as distintas funcións que poderá realizar están as de axudar ao profesorado a planificar as clases e asistilos na aula como apoio lingüístico; fomentar o interese do alumando pola lingua e cultura dos países de fala da correspondente lingua estranxeira; ou, a gran novidade, dar clases de conversa aos docentes que estean a impartir ou vaian impartir no futuro as súas materias noutro idioma. Ademais, estas persoas poderán participar en actividades extraescolares de diferente índole, tales como culturais, deportivas, viaxes de estudos, etc.

A presenza de axudantes lingüísticos nos centros educativos constitúe así unha extraordinaria oportunidade para que o alumnado coñeza e comparta coñecementos, sentimentos e opinións en situacións nas que rexen pautas de comportamento lingüístico e social diferentes dos propios.

Deste xeito, co incremento de auxiliares a Consellería de Educación fai unha firme aposta para que o alumnado e profesorado galego teña a oportunidade de mellorar as competencias lingüísticas, aprender e falar a lingua estranxeira, o que lle permitirá participar activamente no mundo actual, multicultural e plurilingüe.