A Consellería de Educación informa sobre o proceso do Plan de Financiamento para as universidades galegas 2011/2015

No Consello Galego de Universidades de xullo informouse favorablemente sobre as ‘Liñas básicas para a elaboración do Plan de Financiamento do SUG 2011/2015’

Mar, 05/10/2010 - 12:14

O secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, deu conta hoxe no Parlamento do traballo que se está a desenvolver desde a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria en relación ao proceso de elaboración do plan de financiamento do Sistema Universitario de Galicia 2011/2015.

O secretario xeral recordou que o pasado mes de xullo xa se recibiu o informe favorable ás liñas básicas para dito plan, presentada no Consello Galego de Universidades. Díez de Castro destacou que con este documento demóstrase que a Consellería está a traballar dun xeito constante e transparente na elaboración deste plan, que foi ordeado polo Parlamento de Galicia na sesión de 9 de decembro de 2009, xa que o actual está a piques de rematar, en decembro do presente ano.

O novo documento “é imprescindible non só porque remata o anterior senón porque deberá adaptarse ás circunstancias que está a vivir na actualidade o ensino universitario, coa plena integración no Espazo Europeo de Educación Superior, e que deberá ter en conta a situación de crise económica que afecta a todos os sectores socioeconómicos, non só de Galicia, senón a nivel estatal e internacional”, sinalou Díez de Castro.

Un plan para ordenar a universidade

Durante a súa comparecencia o representante da Consellería recordou que “o próximo plan de financiamento ten que servir, á vez, para facilitar recursos ás universidades, pero tamén para ordenar de xeito integral o sistema universitario galego. Os novos recursos teñen que atender ás necesidades das universidades galegas pero tamén debe comprometer ás institucións universitarias na satisfacción eficiente das necesidades sociais e económicas que Galicia terá no futuro”.

O proceso de elaboración do documento de base para o financiamento do SUG, coincidiu no tempo coa elaboración por parte do Ministerio de Educación do ‘Documento de mejora y seguimiento de las Políticas de Financiación de las Universidades para promover la excelencia académica e incrementar el impacto socioeconómico del Sistema Universitario Español (SUE)’, aprobado polo Consejo de Universidades e Conferencia General de Política Universitaria, o 26 de abril de 2010.

Díez de Castro dixo que dentro do documento elaborado, e presentado ás tres universidades para tratar de achegar a puntos de entendemento, un dos apartados está centrado nos principios do novo plan de financiamento: estabilidade financeira, suficiencia, eficiencia, e equidade institucional.  Estes puntos, unidos a outros como a estrutura do pñlan dividida en financiamento estrutural, por resultados e por mellora da calidade, son algúns dos puntos sobre os que a Consellería estivo a traballar desde hai meses.

Puntos de entendemento

O secretario xeral insistiu no proceso transparente e na busca do consenso entre os implicados como un dos puntos básicos, e recordou que o vindeiro luns 11 de outubro terá lugar unha xuntanza da Comisión de Financiamento e Investimentos para determinar o panel de indicadores que finalmente serán de aplicación para o reparto das achegas correspondentes ao Financiamento por resultados. A proposta que será analizada nesa sesión desenvolve os indicadores, axeitados á norma UNE 66175:2003 “Guía para la implantación de indicadores”. Nela recóllense as propostas realizadas nunha sesión de traballo mantida o pasado 20 de setembro, na que se debateron un por un cada indicador e os seus elementos.

“Nestes momentos estanse a elaborar as fichas dos Orzamentos Xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2011, segundo indicacións da Consellería de Facenda, de xeito que se integrará a nova estrutura dos fondos prevista no documento de“Liñas básicas para a elaboración do Plan de Financiamento do SUG 2011/2015”