Educación colabora con universidades punteiras españolas e do estranxeiro na difusión exterior da lingua e da cultura galegas

O Consello da Xunta aprobou hoxe a sinatura de convenios, a través de Política Lingüística, coa Universidade Autónoma de Barcelona e mais coas universidades de Salamanca, do País Vasco, Cork, Berlín e Zádar

Ven, 01/10/2010 - 16:37

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria asinará convenios con diversas universidades punteiras de España e do estranxeiro co fin de promover a difusión exterior da lingua e da cultura galegas. Esta consellería reforzará a través de cadanseu convenio a colaboración que vén mantendo coa Universidade Autónoma de Barcelona, coa Universidade de Salamanca, coa Universidade do País Vasco, coa Universidade de Cork, coa Universidade de Berlín e mais coa de Zádar, segundo aprobou hoxe o Consello da Xunta de Galicia.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, destina un total de 360.854 euros para a realización das actividades ao abeiro destes convenios, que terán vixencia desde o próximo 1 de outubro ata o 30 de setembro de 2013.

Grazas a este marco de colaboración, a Xunta de Galicia posibilita o ensino da lingua, da literatura e da cultura galegas nos plans de estudos destas universidades, ademais da organización de actividades relacionadas coa investigación, a promoción e a difusión do galego –conferencias, seminarios, congresos, exposicións, etc.–, tanto no ámbito universitario como na súa área de influencia. Ao mesmo tempo, estes convenios recollen a contratación dun lector ou lectora de galego nomeado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística e que se encarga de dirixir estas actividades.

Máis de 400 alumnos e alumnas de galego

Durante o curso académico 2009-2010, un total de 441 alumnos e alumnas estudaron lingua, literatura e cultura galegas nas universidades mencionadas, grazas aos convenios de colaboración que manteñen coa Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Na actualidade, o galego é obxecto de estudo en máis de corenta universidades. A maior parte delas contan con lectores ou lectoras, asentados en departamentos coñecidos como centros de estudos galegos, que imparten materias de lingua, literatura e cultura galegas adaptadas ás necesidades do alumnado de cada universidade.

A posibilidade de estudar a lingua e a cultura de Galicia en universidades de diversos países de Europa e de América é unha realidade consolidada que leva contribuído de maneira fundamental á difusión exterior do galego, á investigación lingüística desde perspectivas moi diversas e tamén ao prestixio da lingua entre os seus propios falantes.

Menús News node R

Colectivo

Ensinanza