Máis de 12.000 persoas poderán acceder á Formación Profesional a través das novas probas convocadas por Educación

Presentaranse quen non cumpran os requisitos para o acceso directo, tanto para ciclos de grao medio como para ciclos de grao superior
Dom, 17/01/2010 - 09:53

Arredor de 12.000 galegos e galegas presentaranse este ano ás probas de acceso aos ciclos formativos de grao medio e superior de Formación Profesional que a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria vén de convocar. A través destes exames, as persoas que non reúnan os requisitos académicos que permiten o acceso directo aos ciclos formativos, poderán optar a cursar estes estudos e, deste xeito, obter títulos de técnico ou técnico superior nas distintas familias profesionais ofertadas pola Nova FP no sistema educativo de Galicia.

Todos aqueles que queiran participar nestas probas deberán presentar a solicitude de inscrición na secretaría de calquera dos Institutos de Educación Secundaria, ou nos Centros Integrados de Formación Profesional (CIFP), onde se impartan ensinanzas de Formación Profesional. O modelo de solicitude pode atoparse na web, no enlace http://www.edu.xunta.es/fp, ou nos propios centros.

Grao medio

Os destinatarios destas probas son todas aquelas persoas que, por non posuír o título de graduado en educación secundaria, o de técnico auxiliar, o de técnico, ou equivalentes correspondentes a sistemas educativos anteriores; non poden gozar do acceso directo e desexen cursar estudos de grao medio. Ademais, e como requisito, terán que ter cumpridos os dezasete anos, ou cumprilos en 2010.

Para este nivel, o exame constará de tres partes. Na de sociolingüística avaliaranse os coñecementos en lingua galega, castelá e Ciencias sociais; mentres que a parte científico-técnica mediranse as competencias en Ciencias da Natureza e Tecnoloxía. A proba complétase cunha parte matemática.

En todo caso, o alumnado poderá solicitar, no momento da inscrición, a exención total ou parcial. No primeiro caso, deberán acreditar ter superado as probas de acceso á universidade para maiores de 25 anos, unha proba de acceso a ciclos formativos de grao superior, ou de grao medio de ensinanzas deportivas, artes plásticas e deseño. Estas persoas poden participar no proceso de admisión presentando o certificado acreditativo pertinente.

Para pedir a exención nas partes sociolingüística ou matemática da proba, será necesario ter superado os ámbitos social e de comunicación, ou científico-técnolóxico -respectivamente- dun programa de cualificación profesional inicial ou do nivel II da educación secundaria para adultos. Este último caso tamén se aplica para solicitar a exención da parte científico-técnica, que poderán pedir quen teñan superado os módulos obrigatorios dun programa de cualificación profesional inicial, quen dispoña dun certificado de profesionalidade de calquera nivel, ou quen acumule un ano de experiencia laboral en xornada completa, con independencia do campo profesional. Por outra banda, o alumnado que estea a cursar un programa de cualificación profesional inicial poderá solicitar a exención desta parte presentando unha certificación acreditativa de estar matriculado nas devanditas ensinanzas. En todo caso, a concesión quedará condicionada a que a persoa aspirante supere todos os módulos obrigatorios antes da data de realización da proba de acceso.

O período de inscrición abranguerá desde o día 1 ao 12 de marzo, e as probas realizaranse o 4 de xuño. De ser superados, estes exames dan dereito a obter a certificación que dea acceso a calquera ciclo de grao medio. O alumnado que non supere a proba na súa totalidade poderá manter as cualificacións das partes aprobadas en futuras convocatorias, na comunidade autónoma de Galicia, durante un máximo de dous anos. Así mesmo, as exencións manterán a súa validez para as seguintes convocatorias, sempre que se manteñan as mesmas circunstancias.

Grao superior

No caso do acceso aos ciclos de grao superior, as probas están destinadas a quen non gocen de acceso directo, é dicir, a quen non posúa o título de Bacharelato, nin o de técnico especialista, técnico superior ou unha titulación universitaria, ou outro equivalente a efectos académicos. Ademais, e como requisito, terán que ter cumpridos os dezanove anos, ou cumprilos en 2010; ou ben ter contar con dezaoito anos, ou cumprilos neste ano natural, e dispor dun título de técnico que pertenza a algunha familia profesional incluída na opción a que opta.

O exame constará dunha parte común, na que a persoa aspirante deberá acreditar a súa madureza e idoneidade para seguiren con éxito os estudos de formación profesional, así como a súa capacidade de razoamento e expresión escrita; e estará formada por probas de lingua galega, lingua castelá e matemáticas. Haberá ademais unha parte específica, que valorará as capacidades de base referentes ao campo profesional de que se trate, e que versará sobre coñecementos básicos das materia de referencia establecidas para cada ciclo formativo a que se pretenda acceder.

Aos aspirantes ofreceránselle tres opcións, unha primeira composta por probas en Economía da Empresa, Lingua estranxeira (inglés ou francés), e Filosofía e cidadanía; unha opción B, composta por exames de Debuxo Técnico, Tecnoloxía Industrial e Física; e unha última centrada en avaliar os coñecementos en Ciencias da Terra e Ambientais, Química e Bioloxía. Quen se examinen deberán elixir unha das tres opcións, e escoller dúas das tres materias das que fará a proba.

Neste caso tamén poderán pedir exención total quen acrediten ter superado as probas de acceso á universidade para maiores de 25 anos. Para pedila na parte común da proba, deberá ter superado a proba de acceso a outros ciclos formativos de grao superior de réxime xeral non incluídos na opción pola que se presenta, ou a ciclos formativos de grao superior de ensinanzas deportivas ou de artes plásticas e deseño. Se o aspirante quixera evitar a parte específica da proba, deberá ter superado un ciclo formativo de grao medio ou dispor dun certificado de profesionalidade de nivel 2 ou superior, en ambos os casos nalgunha das familias profesionais incluídas na opción pola que se presenta. Tamén se considerará válido ter, como mínimo, un ano de experiencia laboral en xornada completa en campos profesionais que se correspondan cos estudos que se pretenda cursar.

Ademais, e como novidade este ano, permítese que quen desexe acceder a un ciclo superior, estea matriculado en segundo curso dun ciclo de grao medio, e estea en condicións de posuír, na convocatoria de xuño de 2010, un título de técnico que pertenza a algunha das familias profesionais incluídas na opción pola que se presenta, poderá solicitar a exención da parte específica. O obxectivo é evitar que o alumno ou alumna perda un ano académico á espera de rematar o ciclo medio, e poida continuar co ciclo superior o vindeiro curso.

Os aspirantes a estas probas deberán presentar a solicitude de inscrición desde o día 18 de xaneiro ao 29 de xaneiro, e as probas realizaranse o día 27 de marzo. De ser superados, a certificación obtida incluirá a relación de familias profesionais nas que a persoa aspirante poderá acceder ao ciclo de grao superior. No caso do alumnado que non supere a proba na súa totalidade,a s condicións de mantemento das cualificacións das partes aprobadas e exencións para futuras convocatorias serán idénticas ás das probas de acceso ao grao medio.

Para máis detalles sobre o calendario, táboas de titulacións compatibles e información específica sobre as probas, as persoas aspirantes poderán consultar a web http://www.edu.xunta.es/fp.

A FP, unha opción de futuro

Con esta convocatoria de probas de acceso, a Consellería de Educación continúa a traballar para fomentar o coñecemento da Formación Profesional. Este curso 2009/2010 é o primeiro en que a matrícula en Formación Profesional supera á de Bacharelato, polo que queda demostrado o éxito destes estudos. Non en balde, segundo o último estudo dispoñible, sobre a situación laboral no curso 2005-2006, a inserción no mundo laboral, alcanza nalgunhas familias profesionais índices de máis do 80 % de empregabilidade, e case o 75 % das persoas tituladas obtivo emprego antes dos seis
meses.

En total, foron 33.500 os estudantes que optaron pola Formación Profesional, fronte aos 32.191 que se deciden polo Bacharelato ordinario. Deste xeito, a proporción entre ambas cifras de matrículas achégase á tendencia da Unión Europea. Aínda así, a porcentaxe de alumnos que están matriculados en Bacharelato (56,6%) segue a ser superior á da media da OCDE (54,3%) e á da UE (47%), obxectivos que a Consellería de Educación como reto.

Ademais, a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, lembra a oportunidade que supón para os desempregados -no actual marco de crise económica- a FP para incrementar a cualificación e así dispoñer de máis oportunidades de acceder a un emprego.