Case 7.000 estudantes beneficiáronse das axudas da Consellería de Educación para realizar Formación prácticas en Centros de Traballo

As bolsas están destinadas ao alumnado de Formación Profesional, módulos profesionais experimentais, artes plásticas e deseño, ensinanzas deportivas e programas de cualificación profesional inicial

Sáb, 16/01/2010 - 09:48

6.762 estudantes galegos beneficiáronse do primeiro prazo das axudas económicas para a realización de Formación práctica en Centros de Traballo (FCT), cuxo primeiro prazo vén de resolver a Consellería de Educación. Os destinatarios destas axudas son os alumnos e alumnas matriculados no derradeiro curso de ciclos formativos de grao medio e superior de formación profesional, módulos profesionais experimentais, artes plásticas e deseño, ensinanzas deportivas e programas de cualificación profesional inicial.

Para poder optar a este primeiro prazo de convocatoria de axudas, o alumnado debe ter realizado a FCT nos períodos de outubro-marzo de 2009, ou nos períodos de xaneiro-xuño, xaneiro-marzo e abril-xuño do mesmo ano. En todo caso, a etapa de formación en prácticas tivo que ter rematado antes do 31 de agosto do pasado ano. Para aqueles estudantes aos que lles correspondera realizar o período de prácticas entre setembro e decembro de 2009, abriuse un segundo prazo de convocatoria, que se resolverá en breve. Desta segunda quenda resultarán beneficiados máis de 3.700 alumnos e alumnas, que percibirán 916.155 euros.

Os máis de 10.500 alumnos e alumnas finalmente beneficiados recibirán axudas de entre 65 e 465 euros cada un, axudas que ascenden a un total de 2.386.110 euros, entre as dúas quendas de solicitudes. A cada estudante correspóndenlle 5 euros por xornada de prácticas que realizara, estando obrigado a cumprir polo menos co 80% delas para poder recibir a bolsa.

Estas bolsas son compatibles con outras de carácter xeral, aínda que o importe total recibido nunca poderá superar, illadamente ou en concorrencia con outras axudas, o custo da actividade subvencionada.

Formación para o mundo laboral

A Formación en Centros de Traballo (FCT) baséase na realización de prácticas de carácter non laboral que se desenvolven nun ámbito produtivo real, con contidos consistentes na realización de actividades produtivas propias do perfil profesional. Trátase de módulos obrigatorios en todos os ciclos formativos, indispensable para a obtención do título académico.

Os obxectivos que persigue esta modalidade de formación son a aplicación dos coñecementos teórico-prácticos adquiridos nos centros educativos, de tal forma que se poida avaliar a competencia profesional do alumnado nunha situación real de traballo coa participación empresarial. Por outra banda, a FCT, permite ao alumnado coñecer e comprender, de forma real, a organización socio-laboral dun centro de traballo, co fin de facilitar a súa futura inserción laboral.

Con estas axudas, a Consellería de Educación dá un forte impulso a un dos eixos fundamentais da Formación Profesional, as prácticas en empresas, que achegan ao alumnado á realidade do mundo laboral, capacitándoo para a súa entrada nel.