A VIII Xornada dos Clubs de lectura fomenta outro ano máis a reflexión conxunta para avanzar na construción da sociedade lectora dende o ensino

O director xeral de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal, participou na inauguración desta xuntanza anual, na que se dan cita os coordinadores e coordinadoras dos clubs de lectura nos centros educativos

O escritor Agustín Fernández Paz foi galardoado co premio organizado ao abeiro desta actividade, que todos os anos se lle outorga á autora ou autor galego máis lido nestes espazos

Ven, 05/06/2015 - 11:58
O director xeral de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal, participou na
O director xeral de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal, participou na inauguración da VIII Xornada dos clubs de lectura

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria celebra hoxe na EGAP (Escola Galega de Administración Pública) a oitava edición da Xornada dos Clubs de lectura, unha xuntanza anual que se vén organizando para fomentar a reflexión conxunta e o intercambio de experiencias arredor desta actividade, que xa está presente en máis de 230 centros educativos con alumnado de secundaria, bacharelato, formación profesional e ensinanzas de réxime especial.

O director xeral de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal, participou na inauguración deste encontro, no que se dan cita os coordinadores e coordinadoras dos clubs de lectura para poñer en común as súas experiencias, intercambiar ideas e profundar nas temáticas relacionadas coa lectura e os xéneros literarios. Con esta xornada tamén se pretende favorecer a creación dun espazo común para reforzar os vínculos profesionais arredor dos libros en aras de seguir avanzando na construción da sociedade lectora dende os propios centros educativos.

De feito, os clubs de lectura buscan fomentar o hábito lector entre o alumnado e, así mesmo, reforzar a adquisición de competencias clave, entre as que se inclúen a capacidade de argumentación e a lectura comprensiva.

Ademais, ao abeiro destes clubs creouse un premio co obxectivo de recoñecer á escritora ou escritor galego máis lido nestes espazos no pasado curso, en sinal de agradecemento á súa contribución e axuda na consecución de lectores en galego. Nesta ocasión resultou galardoado Agustín Fernández Paz, tal e como se anunciou o pasado 23 de abril con motivo do Día Internacional do Libro. Recolleu o galardón, no seu nome, Manuel Bragado.

A maiores de Fernández Paz, o xornalista, crítico literario e director da revista dixital Biosbardia, César Lorenzo Gil, mais o mestre, escritor e crítico de cine e televisión, Miguel Ánxo Fernández, acompañarán ao profesorado asistente ao longo da xornada con senllas charlas.   

Menús News node R