A Xunta amplía o alcance da aplicación abalarMóbil a máis de 62.000 familias de 150 centros educativos

Permite a pais e nais seguir a actividade académica dos seus fillos desde os seus dispositivos móbiles

No vindeiro curso académico 2015/2016 continuarase a implantar a abalarMóbil paulatinamente ao resto dos centros educativos

Lun, 01/06/2015 - 09:56
abalarMóbil
abalarMóbil

Nos últimos meses, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, aumentou o número de centros que poden dispoñer da aplicación abalarMobil, beneficiando así a un maior número de familias que poden seguir seguir a actividade educativa dos seus fillos dende calquera lugar, dunha forma rápida e cómoda a través dos seus dispositivos móbiles

Actualmente esta aplicación está dispoñible para máis das 62.000 familias do alumnado matriculado en 150 centros das 4 provincias galegas (64 da Coruña, 27 de Lugo, 19 de Ourense, 40 de Pontevedra).

Os pais e as nais que descarguen a aplicación poderán consultar desde o seu dispositivo móbil as cualificacións dos seus fillos, solicitar unha cita de titoría, consultar e xustificar as faltas de asistencia; visualizar as faltas de conduta, os horarios e as materias; acceder ás incidencias creadas polo profesorado e aos avisos ou notificacións dos docentes ou do centro educativo, e modificar o idioma da aplicación.

Vantaxes

A principal vantaxe desta ferramenta é que simplifica o acceso a estas funcionalidades con respecto aos servizos que ofrece espazoAbalar, xa que o único requirimento para acceder á información é descargar a aplicación. Para acceder á parte privada do portal espazoAbalar é necesario dispoñer dun ordenador con certificado dixital ou do DNI electrónico, que verifique a identidade do usuario. Con esta aplicación só é necesario dispor dun teléfono móbil con conexión de datos e descargar a aplicación para poder acceder aos servizos de abalarMóbil.

Polo tanto, abalarMóbil traslada ás tablets e aos smartphones os servizos que as familias teñen no espazoAbalar. A aplicación pode descargarse nos markets Apple Store (se o sistema operativo é IOS) ou dende Play Store (se o sistema operativo é Android

Para o vindeiro curso académico 2015/2016 ampliarase o alcance de abalarMóbil paulatinamente ao resto dos centros educativos. Cando estea plenamente funcionando en todos os centros educativos, preto de 400.000 nais e pais poderanse beneficiar das vantaxes da aplicación.