O conselleiro de Educación clausurou a Olimpíada Matemática Galega

Os nove gañadores representarán a Galicia na XLVI proba de carácter nacional, que se celebrará en Valladolid en marzo

Ven, 15/01/2010 - 09:41
O conselleiro Xesús Vázquez clausurando a Olimpíada de matemáticas
O conselleiro Xesús Vázquez clausurando a Olimpíada de matemáticas

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, clausurou hoxe en Santiago a Olimpíada de Matemáticas Galega, convocada de forma anual pola Real Sociedad Matemática Española, e que se corresponde coa fase autonómica do concurso de rango nacional.

Os primeiros clasificados representarán a Galicia na XLVI edición do certame nacional, que se celebrará en Valladolid entre o 25 e o 28 de marzo deste ano. Durante o mesmo acto, Vázquez Abad deu a coñecer o nome dos 30 primeiros clasificados, que recibiron un diploma de honra en recoñecemento ao seu traballo nas probas desenvolvidas.

O conselleiro de Educación sinalou que ''este exercicio serve para divulgar as matemáticas e tamén para fomentalo seu estudo e captar excelentes talentos'' e destacou que ''é un feito indiscutible que a Matemática española pasou da nada a un lugar relevante no concerto mundial, e é facilmente comprobable que son numerosos os matemáticos españois que descubriron a súa afección polas matemáticas a través da súa participación na Olimpíada''.

Nesta Olimpíada Matemática Galega participaron 166 alumnos e alumnas de Bacharelato que estudan en centros educativos da nosa comunidade autónoma, podendo facelo excepcionalmente algúns da última etapa da ESO que acreditaron especiais aptitudes. As probas, que se desenvolveron na Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela, realizáronse en dúas sesións, cada unha delas de tres horas e media de duración. En total, os rapaces e rapazas dispoñían de 60 minutos para resolver un dos exercicios e 30 minutos para o outro. Na proba só estivo permitido o uso de útiles de debuxo e escritura, en ningún caso o de calculadoras, libros, táboas ou outros documentos distintos aos que proporcionara o tribunal.

O obxectivo desta Olimpíada, organizada pola Asociación Eduardo García-Rodeja Fernández, é estimular o estudio das matemáticas descubríndoas fóra dos ríxidos temarios curriculares e dos chamados exercicios tipo, desenvolvendo entre os estudantes o gusto pola resolución de problemas. Deste xeito, os problemas das diferentes fases non requiren uns coñecementos especiais de matemáticas, senón que buscan a capacidade de raciocinio e a orixinalidade do pensamento.

Nesta liña, o conselleiro de Educación agradeceu aos participantes o interese mostrado nunha materia aparentemente ardua como son as matemáticas, e animounos a promover o coñecemento práctico da matemática e o seu disfrute entre os máis novos.

Representación a nivel nacional

Os gañadores da fase galega percibirán premios por valor de entre 220 e 380 euros. Os seis primeiros, que obtiveron a Medalla de Ouro, formarán parte do Equipo Olímpico de España participante na 51ª Olimpíada Matemática Internacional, que se celebrará en Astana (República de Kazajstán) en xullo deste ano.

Ademais, a Comisión de Olimpíadas da Real Sociedad Matemática Española decidirá de entre quen dispute a fase nacional a composición do Equipo Olímpico que represente a España no XXV encontro Iberoamericana de Matemáticas, que se desenvolverá en Paraguai en setembro deste ano.

No acto de entrega de premios estiveron presentes o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Senén Barro, a decana da Facultade de Matemáticas, María Victoria Otero Espinar, o vicerreitor de Profesorado e Organización Académica, Juan Viaño, e o coordinador das Olimpíadas, Felipe García.

ANEXO

A relación de premiados é a seguinte:

Gañadores do primeiro premio:

  • Óscar Rivero Salgado, do IES Cidade de Antioquía (Xinzo de Limia)
  • Inés Cadórniga Zueco, do IES Valmiñor (Nigrán)
  • Lucía Llopiz Domínguez, do IES Rodeira (Cangas)

Gañadores do segundo premio:

  • Mar López Rodríguez, do IES Río Cabe (Monforte de Lemos)
  • Carlos García Ling , do IES Manuel Peleteiro (Santiago de Compostela)
  • Pablo Almuíña Varela, do IES Rosalía de Castro (Santiago de Compostela)

Gañadores do terceiro premio:

  • Jesús Conde Lago, do IES Santa Irene (Vigo)
  • Marcos González Fernández, do IES Pintor Colmeiro (Silleda)
  • Diego Abalde Herrero, do IES Monelos (A Coruña)