Cultura e Educación continúa o trámite do novo decreto de ESO e Bacharelato, despois de que o Consello Escolar rexeitara facer achegas construtivas ao texto

O paso do decreto por este órgano consultivo é preceptivo pero non vinculante

A Consellería manifestou a súa postura tendente ao diálogo a través da incorporación dunha hora máis no horario para a materia de Filosofía, tal e como se demandara na mesa sectorial

Xov, 21/05/2015 - 18:39

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria continuará co trámite do novo decreto polo que se regulan os currículos de ESO e Bacharelato, despois de que o Consello Escolar de Galicia rexeitara hoxe facer achegas construtivas ao texto. Neste sentido, o pleno deste órgano consultivo optou hoxe por aprobar -con 20 votos a favor, 17 en contra e 0 abstencións- as emendas á totalidade do decreto formuladas pola Confederación Intersindical Galega (CIG), Unión General de Trabajadores (UGT) e Comisións Obreiras (CC.OO.), así como pola Confederación Galega de ANPAs de Centros Públicos (CONFAPA-GALICIA), a Universidade de Santiago de Compostela e a Coordinadora Galega de Movementos de Renovación Pedagóxica; no canto de enriquecer o texto a través da análise e debate das 154 emendas parciais presentadas.

A Consellería lamenta esta actitude contraria ao diálogo, que non fai máis que ir en contra do conxunto do sistema educativo galego, máis aínda cando o departamento de ensino da Xunta demostrou a súa vontade de incorporar achegas construtivas aos currículos. Non en balde, o texto que se someteu hoxe ao ditame do Consello Escolar xa incorporaba unha hora máis para a materia de Filosofía, tal e como se demandara na mesa sectorial e no período de exposición pública do decreto.

Tras o seu paso polo Consello Escolar de Galicia, preceptivo pero non vinculante, o texto pasará agora polos órganos sectoriais da Xunta (Asesoría Xurídica, Orzamentos, Igualdade,...) e polo Consello Consultivo antes de ser sometido á aprobación do Consello da Xunta, previa á súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Un cambio sen rupturas

O decreto de ESO e Bacharelato adapta os currículos destas etapas aos parámetros da Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa (LOMCE) e constitúe, ao tempo, un cambio metodolóxico sen rupturas cara a unha aprendizaxe por competencias e para potencias a autonomía dos centros e do alumnado, de acordo coas tendencias educativas actuais.

Entre as principais novidades que suporá o texto normativo cómpre salientar o reforzo das horas de matemáticas, o incremento do número de horas que o alumno pode escoller en función dos seus intereses, a creación de materias de libre configuración autonómica, ou a introdución de horas que cada centro poderá dedicar a reforzar as materias que consideren ou mesmo a impartir materias novas que propoñan á Consellería e lles sexan autorizadas pola Administración educativa.