O conselleiro de Educación entregou os diplomas aos gañadores da fase autonómica da Olimpíada Española de Bioloxía

Os tres rapaces representarán a Galicia na fase nacional, que se celebrará en Valencia en marzo de 2010

Ven, 15/01/2010 - 09:36
O conselleiro Xesús Vázquez clausurando a V Olimpíada de bioloxía
O conselleiro Xesús Vázquez clausurando a V Olimpíada de bioloxía

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, clausurou hoxe en A Coruña a Fase Autonómica Galega da V Olimpíada de Bioloxía, na que entregou os diplomas acreditativos aos tres gañadores do certame, que representarán a Galicia na Fase Nacional que se celebrará en Valencia entre o 25 e o 28 de marzo de 2010. Os premiados foron Jose Manuel de María Prieto e Carlos Rodríguez Sáez, ambos alumnos do CPR Marista Cristo Rey, de A Coruña; e Xarxa Quiroga Álvarez, do IES Virxe dos Ollos Grandes, de Lugo.

No transcurso do acto Vázquez Abad mostrou a súa satisfacción ao comprobar a calidade do sistema educativo galego, que permite que os nosos estudantes compitan ao máis alto nivel cos do resto do Estado, e incluso estean presentes na disputa internacional. Destacando a alta participación nesta olimpíada, á que concorreron 75 estudantes, o conselleiro de Educación animou aos gañadores e ao alumnado galego a seguir traballando con tesón no estudo, co fin de acadar a excelencia que dea pulo á sociedade galega do futuro. Ao dirixirse aos participantes o conselleiro dixo que ''os gañadores serdes unha digna representación de Galicia e acadaredes un bo posto na fase final'', e ao conxunto dos participantes aseguroulles que ''todos levades traballando arreo para ser acredores desta distinción, polo que merecedes a testemuña do noso recoñecemento polo esforzo realizado. Esta Olimpíada é un estímulo para o estudo e a investigación, ao tempo que este tipo de celebración permitirá que vos relacionades con máis persoas da vosa idade e con intereses comúns aos vosos pero de culturas moi diferentes''.

Paso á fase nacional

Durante as probas, que se desenvolveron ao longo da xornada de hoxe na Facultade de Ciencias da Universidade de A Coruña (UDC), os concursantes tiveron que resolver unha proba teórica tipo test, e outra de carácter práctico cos contidos de Bioloxía da ESO, de 1º e 2º de Bacharelato; ambas referidas ao programa oficial: 'A Base Molecular e Fisicoquímica da Vida'. Para responder as cuestións plantexadas, os alumnos e alumnas só tiveron permitido o uso de útiles de debuxo e escritura, en ningún caso o de calculadoras, libros, táboas ou outros documentos distintos aos que proporcionara o tribunal.

Foi un tribunal delegado da Olimpíada Española de Biología (OEB) quen cualificou os exercicios e propuxo os nomes dos galardoados, que recibiron como premio a oportunidade de representar a Galicia no certame nacional que se vai celebrar en Valencia, así como a estancia na cidade durante os días das probas. Ademais, cada unha das tres universidades galegas conceden aos gañadores autonómicos ou estatais unha axuda en material informático por matricularse en calquera das súas facultades.

Os gañadores da Primeira Fase das comunidades autónomas, tiveron que resolver probas teóricas sobre contidos de Bioloxía incluídos nos programas de Bioloxía de 1º e de 2º de Bacharelato. Os 4 primeiros alumnos formarán parte do Equipo Olímpico de España na XXI Fase Internacional de Corea, que se vai disputar na segunda semana de xullo de 2010, en Valencia. Os 4 seguintes serán os representantes de España na IV Iberoamericana, que se celebrará en Perú en setembro de 2010.

No acto estiveron presentes os tres decanos das Facultades de Bioloxía de Galicia: Horaico Naveiras, de A Coruña; Jaime Gómez Márquez, de Santiago de Compostela e Pedro Pablo Gallego de Vigo. Tamén asistiu a presidenta do Colexio Oficial de Biólogos de Galicia, Mercedes Casal, a inspectora de Bioloxía, Berta Estrada; a directora do grupo de traballo de Bioloxía para a selectividade, María Ángeles Bernal. Xunta a eles o delegado en Galicia e vocal nacional da Organización da Olimpíada, Pedro Nozal.