Educación reforza a información aos centros para o desenvolvemento da proba de 3º de primaria

A Consellería concluíu hoxe unha xornada informativa con todos os inspectores educativos de Galicia para que lles dean apoio a todos os colexios e lles aclaren todas as dúbidas que poidan xurdir
Tamén se lles remitiron unhas instrucións a todos os equipos docentes para o emprego da plataforma informática
O proba sigue a mesma dinámica que as probas de 4º de Primaria que se viñan facendo nos últimos cinco anos, polo que os centros de ensino están xa familiarizados coa súa organización
Está configurada como unha ferramenta metodolóxica complementaria dentro da avaliación continua do alumnado
Non terá efectos no expediente académico, pero os resultados servirán para implementar plans personalizados para a mellora da aprendizaxe
Mar, 05/05/2015 - 18:45

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria concluíu hoxe unha xornada informativa co corpo de inspectores educativos de Galicia de xeito que actúen como vía de comunicación cos centros para a aplicación da proba de avaliación individualizada de 3º de Primaria. Xa que logo, os inspectores son os encargados de ofrecer todo o apoio que precisen os centros docentes, así como a canle que teñen os directores e profesores para resolver calquera dúbida na execución desta proba, que terá lugar os días 27 e 28 deste mes.

A maiores, a Consellería venlle de remitir a todos os centros unhas instrucións co fin de que dispoñan de toda a información posible para a posta en marcha desta proba. Nestas instrucións explícaselle aos equipos docentes o modo de acceso e de funcionamento da plataforma informática ‘avaldia’, operativa desde hoxe mesmo. Será desde esta plataforma desde onde deberán descargar o manual de aplicación da proba, o manual de corrección dos cadernos, os arquivos de audio que forman parte da avaliación da competencia en comunicación lingüística, e os cuestionarios que teñen que cubrir os centros e o  profesorado titor, entre outros.  Deste modo, a Consellería reforza o proceso de información aos centros sobre a proba que xa viña prestando desde hai meses, tanto a través da inspección educativa como da Xunta Autonómica de Directores. 

Non obstante, cómpre salientar que os centros educativos están habituados á organización deste tipo probas, xa que a avaliación individualizada de 3º de Primaria que organiza a Consellería de Cultura e Educación dentro do marco da LOMCE sigue a mesma dinámica que a avaliación de diagnóstico de 4º de Primaria (que esixía a LOE) que se viña realizando nos últimos cinco anos.

A principal novidade con respecto a de 4º de Primaria é que, agora, as familias van recibir un informe personalizado sobre o seu fillo/a, do que antes non dispoñían. E, dicir, que o alumno é o principal beneficiado desta proba xa que, en función dos resultados, os centros deberán implementar plans específicos para a mellora da aprendizaxe naquelas áreas nas que se detecten eivas que sexa necesario corrixir.

Por tanto, a proba de 3º de Primaria está configurada como unha  ferramenta metodolóxica complementaria dentro da avaliación continua do alumno, un elemento máis de reforzo educativo, tanto a nivel de centros como a nivel individual. Ademais, os resultados das probas -de carácter estritamente privado- non terán efectos no expediente académico e non se van establecer ránkings por centros.