A Consellería de Cultura e Educación abre a nova convocatoria de formación do alumnado para a obtención da certificación oficial en linguas estranxeiras a través do programa CUALE

Os cursos terán un carácter totalmente gratuíto para os estudantes de 2º a 4º de ESO, Bacharelato e FP de centros sostidos con fondos públicos
O prazo de presentación de solicitudes remata o 10 de xuño
Lun, 04/05/2015 - 13:20

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a convocatoria para autorización dos CPI, IES e CIFP que desexen participar no programa de cursos para a formación complementaria en linguas estranxeiras do alumnado (CUALE). Ao abeiro deste programa impartirase formación en linguas estranxeiras aos alumnado de 2º, 3º e 4º de ESO, Bacharelato e ciclos de grao medio e superior de FP, co fin de facilitarlles a obtención de certificados oficiais dos niveis das ensinanzas especializadas de idiomas de acordo co Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas (MCERL).

Os centros poderán solicitar participar nesta iniciativa ata o 10 de xuño, cumprindo os requerimentos indicados no DOG: http://www.xunta.es/dog/Publicados/2015/20150504/AnuncioG0164-270415-0001_gl.html , e accedendo á aplicación no portal educativo: /portal/node/14777 .

Modalidades e certificados

A formación que reciba o alumnado será totalmente gratuíta. O CUALE desenvolverase baixo 4 modalidades diferentes, correspondentes aos niveis A1, A2, B1 e B2 do MCERL. Así, poderán cursar a modalidade CUALE A1 os estudantes que teñan superado todas as materias do 2º curso da ESO e que estean matriculados no 3º, mentres que a CUALE A2 está dirixido aos que superaran todas as materias de 3º da ESO e estean matriculados no 4º curso, así como aos inscritos en ciclos formativos de FP de grao medio de menos de 2.000 horas.

Pola súa banda, o CUALE B1 vai dirixido ao alumnado de bacharelato, de ciclos de grao medio de FP de 2.000 horas e de grao superior de menos de 2.000 horas, así como o que posúa o certificado do nivel básico das escolas oficiais de idiomas (EEOOII) ou outros certificados do nivel A2 do MCERL. Os cursos CUALE B2 serán para as alumnas e alumnos de bacharelato, ciclos de FP de grao superior de 2.000 horas, e para os que dispoñan do certificado do nivel intermedio das EEOOII o outros certificados do nivel B1 do MCERL.

Avaliación e certificación

A formación terá a duración dun curso escolar, con 3 ou 4 períodos lectivos semanais fóra do horario lectivo. O profesorado encargado de impartila, docentes de ensino secundario de lingua estranxeira, realizará probas ao remate do curso en cada nivel. A superación destas probas suporá a expedición por parte do centro dun certificado, no caso do nivel básico do CUALE A1, ou dun certificado de aproveitamento do curso preparatorio para as probas de certificación que se realizarán nas EEOOII, no resto das modalidades. Para a obtención do certificado oficial dos niveis básico, intermedio ou avanzado será necesario que os estudantes superen as probas específicas que as EEOOII realizan cada ano, para as que os prepara o CUALE.