A totalidade dos concellos con servizos lingüísticos reciben axuda económica de Política Lingüística para fomentar o galego

Este ano, a secretaría xeral porá en marcha a primeira Rede de dinamización lingüística local, un ambicioso proxecto destinado a potenciar a dinamización da lingua galega no ámbito local

Ven, 15/01/2010 - 09:29

A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria vén de destinar 602.662 euros ao ámbito local para dinamizar o uso da lingua galega. En total, os 63 concellos e as catro deputacións que solicitaron as axudas recibiron a subvención do departamento que dirixe Anxo Lorenzo para a realización de actividades de fomento do uso do galego.

Para optar á subvención, as entidades locais deben contar con persoal contratado para a prestación do Servizo de Normalización Lingüística. A Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), a través do convenio de colaboración asinado o pasado mes de decembro con Política Lingüística, resolveu a convocatoria de axudas e transferiu as cantidades correspondentes ás entidades locais.

Atendendo á distribución xeográfica, 41 concellos da Coruña recibiron as axudas de Política Lingüística, 10 fixérono na provincia de Pontevedra e, en Lugo e Ourense, as localidades que percibiron a subvención foron un total de 7 e 5, respectivamente. Na Coruña, as localidades subvencionadas foron Abegondo, Ames, Aranga, Arteixo, Arzúa, Baña, Betanzos, Boimorto, Boiro, Cabana de Bergantiños, Carballo, Carnota, Carral, Cerceda, A Coruña, Culleredo, Dodro, Dumbría, Ferrol, Fisterra, Malpica de Bergantiños, Melide, Mesía, Miño, Monfero, Muros, Narón, Oleiros, Oroso, Outes, Ponteceso, Ribeira, Rois, San Sadurniño, Santa Comba, Santiago de Compostela, Santiso, Teo, Val do Dubra, Vilasantar e Zas. En canto á provincia de Lugo, Barreiros, Cervo, Lugo, Monforte de Lemos, Palas de Rei, Ribadeo e mais Vilalba foron os concellos que recibiron axudas. A Secretaría Xeral de Política Lingüística tamén contribuíu economicamente ao fomento do galego nos concellos de Allariz, O Carballiño, Muíños, Ourense e Vilar de Santos da provincia de Ourense. Finalmente, as localidades pontevedresas da Cañiza, A Estrada, O Grove, Moaña, Ponteareas, Pontevedra, Redondela, Tomiño, Vigo e Vilagarcía de Arousa tamén recibiron estas axudas de Política Lingüística.

As cantidades recibidas polos concellos, en consonancia coas actividades xustificadas, oscilan entre os 1.369,81 euros de Santiso e os 34.829,52 euros de Vigo. Ademais dos concellos, tamén recibiron axudas a Deputación da Coruña (45.000 euros), a Deputación de Lugo (12.748,05), a Deputación de Ourense (22.713,10) e a Deputación de Pontevedra (30.014,07).

Estender o ámbito territorial de normalización, un obxectivo prioritario

Segundo datos recentemente elaborados pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, preto do 80% dos concellos galegos carecen dun Servizo de Normalización Lingüística e a maioría dos activos atópanse na provincia da Coruña. Á fronte destes servizos atópase un corpo técnico de profesionais, que contan con importantes ferramentas para desenvolver as tarefas normalizadoras. Mais a falta de coordinación e orientación das actividades que se levan a cabo, así como a necesidade dunha programación global ou a distribución xeográfica desigual dos servizos fai necesaria unha reformulación da situación actual.

A primeira Rede de dinamización lingüística local

Conscientes das necesidades existentes en materia de dinamización no ámbito local, a Secretaría Xeral de Política Lingüística está a traballar nunha serie de medidas que teñen como fin prioritario promover a coordinación nesta materia entre as diferentes entidades e administracións. Así, a Secretaría Xeral de Política Lingüística porá en marcha este ano a primeira Rede de dinamización lingüística local, que ten como obxectivos prioritarios estender o ámbito territorial da normalización, compartir unha planificación lingüística que defina estratexias básicas comúns en todo o territorio de Galicia e poñer a disposición de todos os membros da rede os materiais e a información necesarios.

Os servizos de normalización lingüística

O departamento que dirixe Anxo Lorenzo aposta polo servizo prestado desde o ámbito local á cidadanía en materia de lingua. Asesoramento lingüístico, dinamización e posta en marcha de programas de promoción do galego ou a elaboración de recursos adaptados ás necesidades locais son algunhas das tarefas principais que levan a cabo os servizos lingüísticos dos concellos.

Menús News node R