A Consellería de Cultura e Educación amplía o Plan de mellora de bibliotecas escolares con outros 25 novos centros

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria do PLAMBE, enmarcado dentro do Plan LÍA, para o curso 2015/2016

Os centros seleccionados recibirán unha achega económica destinada á actualización de fondos documentais, renovación do mobiliario ou outros gastos de funcionamento

Mér, 15/04/2015 - 11:03

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ampliará o Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE) de cara ao vindeiro curso 2015/2016, no que chegará a outros 25 novos centros públicos. Esta convocatoria, que sae publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia, elevará o número de colexios e institutos participantes nesta iniciativa aos 575. Nela poden participar tanto proxectos novos como os xa adheridos ao plan.

No primeiro caso, os centros seleccionados recibirán -ademais da posibilidade de formación específica para o profesorado e asesoramento por parte da propia Administración autonómica- unha achega económica destinada á actualización dos fondos documentais da biblioteca escolar, renovación do mobiliario e outro equipamento necesario, así como a outros gastos de funcionamento.

A convocatoria pode consultarse no enderezo electrónico http://www.xunta.es/dog/Publicados/2015/20150415/AnuncioG0164-080415-0001_gl.html .

Proxecto de funcionamento

Os centros que opten por primeira vez a incorporarse ao PLAMBE deberán presentar as súas solicitudes no prazo dun mes. Entre os requisitos esixidos, terán que contar cun espazo destinado exclusivamente á biblioteca escolar e deseñar un proxecto para o funcionamento e utilización de dita biblioteca, baseado nunha xestión centralizada dos fondos documentais e unha organización que permita o seu aproveitamento por toda a comunidade escolar.

Ademais, cada centro deberá designar a un docente responsable do espazo, así como crear, entre outros requirimentos, un equipo de biblioteca ou grupo de apoio, que estará formado por profesorado dos diferentes ciclos ou departamentos do centro.

A resolución desta convocatoria dirimirase nun prazo máximo de seis meses e nela quedarán reflectidos os novos centros seleccionados, así como as cantidades asignadas para o curso 2015/2016 aos centros procedentes de anteriores convocatorias e que continúan dentro do programa.

Un espazo central

O Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares, enmarcado no Plan LÍA 2010-2015 de bibliotecas escolares para a lectura, a información e a aprendizaxe (actualmente estase a traballar na segunda fase deste plan), busca poñer en valor a importancia da biblioteca escolar dentro dos centros de ensino, posto que se trata de espazos onde o alumnado consolida o seu hábito lector ao mesmo tempo que adquire outras competencias clave.

A maiores, funcionan de elemento estratéxico para a innovación pedagóxica, pois proporciónanlle tanto ao profesorado como ao alumnado a oportunidade de empregar múltiples recursos para avanzar nunha autonomía na aprendizaxe. Tamén serven de canle para a integración das tecnoloxías da información e da comunicación nos diferentes centros, ofrecendo a posibilidade dun acceso igualitario aos bens culturais.

Así mesmo, estes espazos pretenden favorecer a alfabetización múltiple, entendida como a “comprensión, utilización e avaliación crítica de diferentes formas de información, incluídos os textos e imaxes, escritos, impresos ou en versión electrónica”, segundo o establecido no documento do Consello da Unión Europea do 26 de novembro de 2012.