Cultura e Educación salienta o labor das fundacións María José Jove e Ingada na formación do profesorado para atender aos alumnos con TDAH

O director xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería, José Manuel Pinal, avogou por avanzar nunha educación “que contribúa á promoción da equidade e de sociedades máis xustas”

Lun, 13/04/2015 - 14:41
Cultura e Educación salienta o labor das fundacións María José Jove e Ingada na
Cultura e Educación salienta o labor das fundacións María José Jove e Ingada na formación do profesorado para atender aos alumnos con TDAH

O director xeral Centros e Recursos Humanos da Consellería de Cultura e Educación, José Manuel Pinal, subliñou hoxe o labor levado a cabo polas fundacións María José Jove e Ingada nos programas formativos para o tratamento dos alumnos e alumnas con Trastorno por Déficit de Atención e Hiperactividade (TDAH).

Nun acto no que se deu conta dos resultados deste proxecto que desenvolveron as mencionadas fundacións en colaboración coa Consellería, o director xeral de Centros fixo fincapé na importancia da colaboración institucional nesta materia, á vez que recoñeceu o esforzo do profesorado por actualizarse, como é o caso do IES de Becerreá, que foi o gañador da beca desta edición.

Segundo dixo Pinal “na educación ten que participar toda a sociedade” e “os esforzos compartidos dan mellores resultados cós camiños en solitario”. “O que nos encomenda a sociedade actual –reflexionou- é que a educación contribúa á promoción da equidade e de sociedades máis xustas”.

O proxecto enmárcase dentro do convenio de colaboración asinado hai uns meses entre a Consellería de Cultura e Educación e as Fundacións María José Jove e Ingada para a formación de profesorado para o tratamento do alumnado con Trastorno por Déficit de Atención e Hiperactividade (TDAH). Ao abeiro deste convenio desenvolveuse un curso de formación sobre o TDAH desde o ámbito educativo, dirixido a douscentos docentes doutros tantos centros de Educación Primaria, Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato de Galicia. Ademais incluíase unha bolsa, dotada con 6.000 euros, para o proxecto seleccionado, dirixido polo profesor Juan Carlos Rodríguez Núñez, do IES Becerreá (de Lugo).

No acto de hoxe tamén participaron a presidenta da Fundación María José Jove, Felipa Jove Santos; e o presidente e a vicepresidenta da Fundación Ingada, Angel Carracedo e Elvira Ferrer respectivamente. Asistiu tamén a secretaria xeral de Política Social da Consellería de Traballo e Benestar, Coro Piñeiro.