A Consellería de Cultura e Educación destina máis de 870.000 euros á ampliación do CEIP Ramón Otero Pedrayo da Laracha

Construirase un novo aulario de 800 metros cadrados con capacidade para 150 alumnos e alumnas

Ven, 10/04/2015 - 10:55

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publicou hoxe Diario Oficial de Galicia a formalización do contrato para a obra de ampliación do CEIP Ramón Otero Pedrayo do municipio coruñés da Laracha, cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2007-2013.

O remate da actuación, cuxo investimento ascende a 871.371,02 euros, está previsto para setembro deste ano. Os traballos centraranse na construción dun novo aulario de 800 metros cadrados con capacidade para 150 alumnos e alumnas. O edificio albergará seis aulas de infantil de 50 metros cadrados cada unha, unha sala de usos múltiples, dúas aulas de apoio e servizos comúns.

Tamén se contempla a creación dun espazo exterior de xogos con pavimento de caucho. Ademais, nunha segunda fase está previsto ampliar o número de aulas de Educación Infantil para adecualas á evolución da matrícula. Así mesmo, conectaranse os diferentes edificios existentes na parcela. A resolución do contrato pode consultarse no enderezo web http://www.xunta.es/dog/Publicados/2015/20150410/AnuncioG0164-260315-0002_gl.html .