Os novos currículos de ESO e Bacharelato promoven a autonomía dos centros e incrementan as opcións do alumnado para fixar o seu itinerario educativo

O conselleiro de Cultura e Educación presentou esta mañá os textos, que a partires de hoxe se someten a exposición pública para iniciar a súa tramitación administrativa

O incremento de horas a elixir, a creación de materias de libre configuración autonómica e o reforzo das matemáticas centran as novidades dos currículos

Mar, 24/03/2015 - 15:50
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez,
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, presentou esta mañá o proxecto de decreto polo que se regularán os currículos das etapas de ESO e Bacharelato adaptados á Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa (LOMCE)

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, presentou esta mañá o proxecto de decreto polo que se regularán os currículos das etapas de ESO e Bacharelato adaptados á Lei Orgánica para  a Mellora da Calidade Educativa (LOMCE). Nun acto celebrado no Museo Pedagóxico de Galicia o conselleiro salientou como novidades do decreto o reforzo das horas de matemáticas, o incremento do número de horas que o alumno pode escoller en función dos seus intereses, a creación de materias de libre configuración autonómica, ou a introdución de horas que cada centro poderá dedicar a reforzar as materias que consideren ou mesmo a impartir materias novas que propoñan á Consellería e lles sexan autorizadas pola Administración educativa.

Ademais sinalou os novos currículos como un cambio metodolóxico sen rupturas cara a unha aprendizaxe por competencias e para potencias a autonomía dos centros e do alumnado, de acordo coas tendencias educativas actuais. Neste sentido fixo fincapé no traballo desenvolvido pola Consellería e pola comunidade educativa galega para adaptarse á LOMCE en prol dunha mellora da calidade educativa e, polo tanto, da maior cualificación do alumnado galego.

Durante a súa intervención o conselleiro fixo un chamamento a todos os implicados no eido educativo para que, ao longo da tramitación do texto fagan as súas achegas construtivas ao mesmo. Unha vez se envíe hoxe mesmo aos sindicatos, o decreto terá que pasar polos órganos de participación e consulta – mesa sectorial, Consello escolar de Galicia e Consello Consultivo – antes da súa aprobación polo Consello da Xunta. O obxectivo da Consellería é que este trámite administrativo teña unha duración de entre 3 e 4 meses a partires do de día de hoxe.

Materias e itinerarios

Segundo o proxecto de decreto as materias na ESO e no Bacharelato dividiranse en troncais obrigatorias e troncais de opción, específicas e de libre configuración – autonómica ou de centro-. Dentro delas a Consellería terá capacidade de ofertar – a través dunha orde que se publicaría unha vez se remate a tramitación do decreto- materias de libre configuración autonómica como Voluntariado, Xadrez, ou Paisaxe e patrimonio natural de Galicia. Estas horas de libre configuración poderán encherse tamén con horas de reforzo da materia que cada centro determine, ou con propostas do propio centro

Deste xeito, a maiores das troncais e específicas obrigatorias, a medida que pasen os cursos a alumna ou alumno poderá ir aumentando o número de materias que escolle do seu currículo. Por exemplo, en 1º e 2º de ESO só haberá unha hora á semana de libre configuración, mentres que en 3º da ESO o estudante terá unha materia específica de opción– de 2 horas- a escoller entre unha oferta de 2 materias.

No caso de 4º da ESO o currículo dividirase en dúas opcións, o de ensinanzas aplicadas, máis orientado á FP; e o de ensinanzas académicas, máis orientado ao Bacharelato e á Universidade. En calquera caso ambos terán a elixir 2 materias – total de 6 horas- específicas de opción dunha oferta de 9 materias, e outras 2 troncais de opción – 6 horas- dunha oferta de 4; polo que se trata de opcións flexibles para o estudante.

O proxecto de decreto divide as ensinanzas de Bacharelato en 3 modalidades, nomeadamente Ciencias Sociais e Humanidade – que se subdivide en dúas vías-, Ciencias e Artes. En 1º de Bacharelato haberá 2 materias – 8 horas- troncais de opción a elixir entre unha oferta de ata 4 –dependendo da modalidade-, e 7 horas que se poderán repartir de varias formas. Unha delas é elixir 2 materias específicas de opción (dunha oferta de ata 10 de 3 horas cada unha) máis Relixión (1 hora) ou unha materia de libre configuración (1 hora); a outra elixir 1 materia específica de opción (3 horas) máis unha das troncais de opción que non se escolleran xa (4 horas).

En 2º de Bacharelato haberá 2 materias – 8 horas- troncais de opción a elixir entre unha oferta de ata 5 –dependendo da modalidade-, e 8 horas que se poderán repartir de varias formas. Unha delas é elixir 2 materias específicas de opción (dunha oferta de ata 13 de 3 horas cada unha), máis Relixión (1 hora), máis 1 hora de libre configuración; outra elixir 1 materia específica de opción (3 horas) máis unha das troncais de opción que non se escolleran xa (4 horas), máis 1 hora de libre configuración ou Relixión; ou ben escoller 2 específicas (6 horas) máis unha materia de libre configuración de 2 horas. Cómpre lembrar que as horas de libre configuración, ao igual que en ESO, poderán dedicarse a reforzo ou á impartición de propostas polo centro ou pola propia Consellería.

Reforzo educativo

Ademais do reforzo educativo que se poida ofrecer a través das horas de libre configuración do centro, adiántase a impartición dos programas de mellora educativa a 2º da ESO, de tal forma que se atendan canto antes as necesidades específicas de atención educativa do alumnado. Non en balde, na LOE diversificación curricular comezaba en 3º. Isto súmase ás diferentes medidas organizativas para a atención á diversidade do alumnado que o decreto prevé e, xunto coa posta en marcha da FP Básica, configura un marco máis flexible de atención ás alumnas e alumnos.

Cómpre sinalar, ademais, que o decreto establece un reforzo das horas de matemáticas na ESO, 1 hora máis en 1º, 2º e 4º de ESO. Para iso repártense as horas na LOE destinadas a educación ético-civica, proxecto interdisciplinar e educación para a cidadanía entre o incremento de matemáticas e a creación da devandita hora semanal de libre configuración do centro; e redúcese 1 hora de Relixión en 1º de ESO, en coherencia co currículo de Primaria.

Aposta polo plurilingüismo

Á par destas novidades no cadro de distribución horaria, a Consellería mantén o equilibrio entre galego e castelán establecido polo Decreto do Plurilingüismo e blinda a presenza do galego no noso sistema educativo en igualdade de condicións que a lingua e literatura castelá, con 13 horas para Lingua e literatura galega na ESO, e 6 no caso de Bacharelato.

Ademais mantense a presenza dunha lingua estranxeira - en ata o terzo do horario lectivo no caso dos centros plurilingües-, e as seccións bilingües que se autoricen en cada caso; ademais dunha segunda lingua estranxeira obrigatoria nos 2 primeiros cursos da ESO e de escolla libre no resto de cursos desta etapa e no Bacharelato. 

Neste sentido cómpre sinalar que a progresiva incorporación do portugués, en cumprimento da Lei Paz-Andrade, instrumentarase ben como lingua estranxeira, ben a través da autorización de seccións bilingües.

Formación do profesorado

Durante a súa intervención o conselleiro quixo agradecer o traballo dos máis de 70 docentes que nos últimos meses contribuíron á elaboración das máis de 1.000 páxinas que compoñen o decreto e adiantar a colaboración da Consellería co profesorado de ESO e Bacharelato responsable de aplicalos a partires do próximo curso.

Neste sentido anunciou que o seu departamento, tal e como se fixo no caso de Primaria, ten previsto desenvolver actividades específicas de formación do profesorado dirixidas a informar aos docentes dos cambios e a fomentar a autonomía dos centros no desenvolvemento curricular que lles corresponde.