Cultura e Educación avanza na ampliación da Rede de Viveiros de Empresa en colaboración con Zona Franca de Vigo

Crearanse 4 novos viveiros en Vigo, Pontevedra, Vilagarcía e Verín e ampliaranse outros 2 na cidade de Ourense

O obxectivo é impulsar o emprendemento como unha vía directa de empregabilidade entre os máis novos

Lun, 23/03/2015 - 19:03
Cultura e Educación avanza na ampliación da Rede de Viveiros de Empresa en colab
Cultura e Educación avanza na ampliación da Rede de Viveiros de Empresa en colaboración con Zona Franca de Vigo

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez; e a delegada de Zona Franca de Vigo, Teresa Pedrosa; asinaron hoxe un protocolo de colaboración para a ampliación da Rede de Viveiros de Empresa en centros educativos, co fin de impulsar o emprendemento como unha vía directa de empregabilidade para a mocidade. Ao abeiro deste acordo – que conta cun orzamento de 100.000 euros achegado por Zona Franca- crearanse 4 viveiros, nos CIFP Valentín Paz Andrade (Vigo), IES Montecelo (Pontevedra), IES Armando Cotarelo Valledor (Vilagarcía de Arousa) e IES García Barbón (Verín); e ampliaranse os dos CIFP A Carballeira-Marcos Valcárcel e A Farixa, ambos na cidade de Ourense.

O acto de sinatura realizouse no CIFP Valentín Paz Andrade, un dos centros onde se instalará o viveiro, o que suporá unha grande oportunidade para a posta en marcha de proxectos de empresa do alumnado do centro, especializado nas familias profesionais de Transporte e mantemento de vehículos, Fabricación mecánica, Instalación e mantemento, Madeira e moble, e Enerxía e auga. Uns ciclos con grande implicación na actividade empresarial de Vigo e do seu entorno como os de Automoción, Industrias frigoríficas, climatización ou naval.

Na sinatura estiveron presentes o xefe territorial da Consellería en Pontevedra, César Pérez Ares.

Aposta polo emprendemento

Segundo explicou Román Rodríguez o obxectivo é ampliar a rede de viveiros a todos os CIFP así como a outros centros, en función dos intereses comarcais. Ademais está previsto avanzar nas sinerxías internas da Rede de viveiros e favorecer as sinerxías con outras institucións,  así como afondar na formación e asesoramento que se ofrece nestes espazos.

Con esta actuación a Consellería de Cultura e Educación reitera a súa confianza nos viveiros de empresa en centros educativos como axentes de creación de emprego e espazos ideais para o emprendemento e para que os máis novos fagan realidade as súas ideas. Esta actuación enmárcase, ademais, no desenvolvemento do Plan de emprendemento no sistema educativo de Galicia ‘eduemprende’- desenvolvido en colaboración polas consellerías de Cultura e Educación e de Economía e Industria-, unha aposta pola cultura do emprendemento, “convencidos de que o futuro pasa pola competitividade, a competitividade pola innovación, que é froito do emprendemento”, sinalou o conselleiro.

Viveiros por provincias

O viveiro supón unha aposta polo emprego xuvenil apoiando as iniciativas emprendedoras dos titulados en FP, ensinanzas artísticas e deportivas e bacharelato. Así, ponse a disposición destas persoas – totalmente de balde- durante dous anos un espazo no que desenvolver o seu proxecto de empresa, así como o apoio e asesoramento do profesorado e doutros emprendedores que xa puxeron en marcha as súas ideas con anterioridade. O viveiro pode ser utilizado tanto polo alumnado do propio centro como por alumnado e titulados en outros centros educativos que remataran os seus estudos en ensinanzas postobrigatorias nos últimos 4 anos.

A Rede de Viveiros de Empresa en centros educativos está conformada, neste momento, por 17 viveiros. Así, na provincia da Coruña existen 6 viveiros, con 9 empresas en distintas fases e 6 empresas funcionando fóra do viveiro. Trátase do CIFP Ánxel Casal-Monte Alto, do CIFP Someso (ambos na cidade da Coruña); 1 no CIFP Politécnico de Santiago; e 2 en Ferrol (un deles no CIFP Rodolfo Ucha Piñeiro e outro no CIFP Ferroltera); e 1 no IES de Fene.

Na provincia de Lugo existen 3 viveiros con 7 empresas dentro dos viveiros e 1 funcionando xa. Son dous na cidade da Muralla (o CIFP Politécnico de Lugo e o CIFP as Mercedes) e un terceiro no CIFP Porta da Auga en Ribadeo.

En Ourense existen 3 viveiros e 11 empresas con proxectos en distintas fases e outras 5 empresas xa funcionando fóra do viveiro. Trátase dos viveiros do CIFP Portovello, do CIFP A Carballeira-Marcos Valcárcel, e do CIFP A Farixa, todos eles en Ourense cidade.

Finalmente en Pontevedra existen 5 viveiros con 14 empresas en distintas fases e 10 xa funcionando fóra dos viveiros. Dous dos viveiros están en Pontevedra cidade (IES Luís Seoane e CIFP A Xunqueira); outros dous en Vigo (CIFP Manuel Antonio e IES Ricardo Mella), e outro no CIFP A Granxa en Ponteareas.