O conselleiro de Cultura e Educación destaca o papel das bibliotecas escolares, un “referente” dentro e fóra de Galicia

Román Rodríguez inaugurou a segunda xornada dos Encontros anuais do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares 2014/2015 (PLAMBE) agradecendo o traballo dos responsables de cada un dos centros e da Asesoría de bibliotecas da Consellería

Un total de 550 centros de ensino públicos de Galicia están adheridos este curso ao PLAMBE, que busca mellorar a comprensión lectora do alumnado

Ven, 13/03/2015 - 10:50
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez,
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, participou hoxe na inauguración da segunda e derradeira xornada dos Encontros do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares 2014/2015

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, participou hoxe na inauguración da segunda e derradeira xornada dos Encontros do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares 2014/2015, unha tradicional cita anual onde os diferentes profesionais intercambian coñecementos e amplían a súa formación neste eido. Relatorios e mesas redondas compoñen as actividades deste ano, que rematarán hoxe cunha intervención do catedrático de Medicina Legal da USC, Ángel Carracedo.

Esta xuntanza enmárcase dentro do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE), ao que este curso están acollidos un total de 550 centros de ensino públicos de Galicia, o 53% deles CEIP. Dotada con 810.000 euros na última convocatoria, esta iniciativa é unha clara mostra do apoio da Administración á hora de actualizar os fondos bibliotecarios e renovar o mobiliario, así como outros equipamentos precisos para a prestación dos servizos de biblioteca. Precisamente, esta rede de bibliotecas foi premiada co Francisco Fernández del Riego, un galardón que outorga a Asociación Galega de Editores e que recollerá esta tarde o propio conselleiro, aínda que “o mérito é voso”, indicou esta mañá en referencia aos representantes dos diferentes centros.

Neste contexto, o responsable do departamento educativo da Xunta de Galicia destacou o papel das bibliotecas adheridas ao PLAMBE, pois constitúen unha “referencia” dentro e fóra de Galicia. Son, sinalou, “un importante motor de innovación educativa”, ademais dunha fonte de recursos imprescindible para a adquisición das competencias básicas do alumnado e mellorar a súa comprensión lectora, que redunda nunha mellora da calidade educativa dos centros.

Por outro lado, Román Rodríguez agradeceu o traballo e compromiso dos representantes das bibliotecas participantes, moitos deles con premios ás súas costas que avalan o seu labor. En concreto, estes responsables forman parte dunha rede profesional na que, ademais de participar nestes encontros anuais, comparten experiencias, información e propostas, á vez que reciben asesoramento e seguimento continuado por parte da Asesoría de bibliotecas escolares da propia Consellería, cuxa dedicación tamén agradeceu.

Novo impulso a través da renovación do Plan Lía

O PLAMBE é un dos eixes estratéxicos do Plan Lía 2010/2015 de Bibliotecas Escolares para a Lectura, a Información e a Aprendizaxe, un programa que busca acompañar ao profesorado no seu intento de mellorar o ensino coa integración de tecnoloxías emerxentes ou adaptar as metodoloxías ás novas necesidades da sociedade da información.

Pese aos avances actuais, Román Rodríguez instou a non conformarse, garantir a continuidade do que xa está feito e darlle un novo impulso, concretado na renovación e actualización do Plan Lía no horizonte 2015-2020.