Román Rodríguez ofrece colaboración e diálogo permanente na súa primeira xuntanza con representantes das asociacións galegas de pais e nais de alumnos

O conselleiro de Cultura e Educación mantivo un encontro de traballo coa dirección da Confederación galega de ANPAs de Centros Públicos (Confapa), da Confederación Anpas Galegas e da Confederación católica galega de Apas de centros concertados (Congapa)

Ven, 06/03/2015 - 15:24
Román Rodríguez ofrece colaboración e diálogo permanente na súa primeira xuntanz
Román Rodríguez ofrece colaboración e diálogo permanente na súa primeira xuntanza con representantes das asociacións galegas de pais e nais de alumnos

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, aposta pola colaboración conxunta e un diálogo permanente en materia de educación cos colectivos de pais e nais de alumnos en Galicia. Así llo trasladou aos representantes das ANPAs galegas na súa primeira xuntanza de traballo, na que defendeu a importancia de afondar nunha canle de comunicación continua entre Administración e familias para abordar todas as necesidades da comunidade escolar.

O titular do departamento educativo da Xunta de Galicia reiterou o compromiso do Goberno galego coa atención á diversidade do alumnado, e a súa intención de continuar afondando no desenvolvemento de programas de reforzo e apoio, así como de orientación diante de necesidades específicas. Neste sentido cómpre lembrar que nos últimos anos a Consellería ten dado importantes pasos no que se refire á implantación de estratexias como os contratos-programa, ou a elaboración do primeiro protocolo autonómico integral no Trastorno por Déficit de Atención e Hiperactividade (TDAH); así como na colaboración con entidades que traballan con alumnado que presenta altas capacidades.

A reunión de hoxe constitúe unha primeira toma de contacto coa que a Consellería aposta pola vía de consenso e comunicación construtiva para avanzar da man das familias na mellora da calidade do sistema educativo galego.

Ademais do conselleiro Román Rodríguez, por parte da Consellería estiveron presentes na xuntanza o secretario xeral técnico, Jesús Oitavén; o director xeral de Educación, FP e Innovación Educativa, Manuel Corredoira; e o director xeral de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal. En representación da Confederación Galega de ANPAs de Centros Públicos (Confapa) acudiron a súa presidenta, Helena Gómez Vecino, e o secretario, Lois Uxío Taboada; mentres que a Confederación Anpas Galegas estivo representada polo seu presidente, Javier Sánchez García, acompañado do seu vicepresidente, Fernando Lacaci. Así mesmo acudiron á reunión María José Mansilla Chao e María Paz García, presidenta e tesoureira respectivamente da Confederación Católica Galega de Apas de Centros Concertados (Congapa).