Educación, a Fundación Alcoa e La Opinión poñen en marcha o ‘A Coruña Emprende’ para estimular o espírito emprendedor entre os xoves da comarca e mellorar a súa empregabilidade

A iniciativa desenvolverase en 15 centros educativos da área da Coruña e incluirá accións de sensibilización e formación dirixidas tanto a alumnos como a docentes

O obxectivo é estimular as capacidades de emprendemento dos rapaces e rapazas de Primaria, ESO, Bacharelato e FP e, deste xeito, que melloren as súas expectativas profesionais

Mér, 04/03/2015 - 13:33
O conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, prensa 'A Coruña emprende
O conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, prensa 'A Coruña emprende'

A Consellería de Cultura e Educación, a Fundación Alcoa e o xornal La Opinión colaboran na posta en marcha do programa ‘A Coruña emprende’, unha iniciativa que ten como principal obxectivo estimular o espírito emprendedor entre os estudantes da comarca da Coruña e, ao mesmo tempo, fomentar o emprego entre os máis novos unha vez se incorporen ao mercado laboral.  

No acto de presentación, o conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, salientou a dobre vertente deste proxecto xa que, por un lado, trata de fomentar as capacidades de emprendemento dos rapaces e rapazas e, por outro, asegúraselles unha mellor formación de cara ao futuro profesional que lles espera á saída das aulas.

Román Rodríguez tamén destacou a sensibilización dos docentes e o seu compromiso no impulso dunha nova cultura emprendedora entre os estudantes que pasa pola mellora de competencias relacionadas con aspectos como a creatividade, a iniciativa, a asunción de riscos e a responsabilidade, entre outros. Así mesmo, o conselleiro agradeceu a colaboración da Fundación Alcoa (que achega uns 46.000 euros a esta iniciativa), e do xornal La Opinión, que se encargará da difusión das actividades que se desenvolvan no marco deste programa.

Ao abeiro desta iniciativa, os docentes recibirán información específica sobre cómo promover o espírito emprendedor entre o alumnado e dirixilos para que unha idea se transforme nun proxecto real. Pola súa banda, os alumnos participarán en actividades de sensibilización relacionadas co mundo empresarial (como visitas a empresas, reunións con directivos,…) e en actividades de formación sobre temas específicos.

 ‘A Coruña Emprende’ enmárcase dentro da estratexia que a Consellería de Cultura e Educación vén desenvolvendo a través do Plan de Emprendemento no Sistema Educativo de Galicia, ‘Eduemprende’. Nesta mesma liña presentouse onte o ‘Lugo emprende’, centrado na provincia de Lugo e que da continuidade á ‘A Mariña emprende’ que o ano pasado se puxo en marcha nos concellos da área da Mariña luguesa.

No acto Román Rodríguez estivo acompañado polo director de Alcoa-Coruña, José Gil Fernández Pulpeiro, e pola directora do diario La Opinión, Carmen Merelas. Tamén asistiu o xefe territorial de Educación na Coruña Indalecio Cabana.

Listaxe de centros participantes

‘A Coruña Emprende’ está dirixido a alumnos de ciclos formativos de Formación Profesional, de Bacharelato, de 1º, 2º,3 e 4º curso de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO), e de 6º curso de Educación Primaria e Ensinanzas Especiais dos centros educativos da área da Coruña.

O proxecto desenvolverase en 15 centros e iníciase cun mínimo de 500 alumnos  e 30 profesores, aínda que as cifras de participación poderían acadar os 2.000 estudantes e duplicarse a cifra de profesorado adscrito á iniciativa.

Co fin de garantir a máxima accesibilidade e representatividade, escolléronse un centro por cada concello da comarca (ata un total de 9 centros), tres centros a maiores polos concellos máis poboados (que son o CEIP Eusebio da Guarda na Coruña, o CEIP A Rabadeira en Oleiros, e o CEIP Ponte dos Brozos en Arteixo), e un centro máis por CIFP con viveiro de empresas que se corresponden cos CIFP Someso, CIFP Ánxel Casal-Monte Alto e CIFP Paseo de Pontes, todos eles na cidade da Coruña.

Por concellos, os centros escollidos son o IES de Viós (en Abegondo), o IES de Sabón (en Arteixo), o CPI Cruz do Sar (Bergondo), IES Alfonso X O Sabio (Cambre), CPI Vicente Otero Valcárcel (Carral), IES Fernando Wirtz Suárez (A Coruña), IES Universidade Laboral (Culleredo), IES María Casares (Oleiros), e IES Isaac Díaz Pardo (Sada).

Compromiso cos xoves

Pola súa banda a Fundación Alcoa reitera o seu compromiso coa formación dos xoves, que se materializa en diversas colaboracións coa Consellería, como os programas ‘Lugo emprende’ e ‘A Mariña emprende’.   

Así mesmo a Fundación Alcoa vén avalando proxectos de institucións e organización para mellorar as oportunidades en educación e formación, saúde e seguridade e respecto ao medio ambiente, co obxectivo final de contribuír a mellorar a calidade de vida das comunidades nas que Alcoa está presente.