Máis de 6.500 estudantes da provincia de Lugo beneficiaranse da iniciativa de contratos-programa da Consellería de Cultura e Educación

Os obxectivos fundamentais desta liña de traballo son a loita contra o abandono temperá, o reforzo da aprendizaxe competencial e a busca da excelencia educativa

Mar, 03/03/2015 - 13:57
Máis de 6.500 estudantes da provincia de Lugo beneficiaranse da iniciativa de co
Máis de 6.500 estudantes da provincia de Lugo beneficiaranse da iniciativa de contratos-programa da Consellería de Cultura e Educación

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez González, asinou hoxe contratos-programa con 44 centros educativos da provincia de Lugo, que beneficiarán a máis de 6.500 estudantes da provincia. No transcurso deste acto o  titular do departamento educativo da Xunta sinalou os contratos-programa como unha aposta pola autonomía dos centros, así como unha mostra do compromiso da Consellería coa impulso da equidade, da igualdade de oportunidades, coa atención á diversidade do alumnado e coa promoción da excelencia educativa.

Neste sentido, salientou tamén a gran acollida que esta iniciativa está a ter entre os centros educativos, cunha participación que se incrementa ano a ano; e agradeceu a implicación de profesorado e equipos directivos na elaboración e posta en marcha destes proxectos, partindo dunha análise das fortalezas e debilidades de cada centro en particular co obxectivo de actuar sobre aquelas áreas nas que o alumnado máis o precisa. Non en balde, este curso participan no desenvolvemento dos contratos-programa na provincia de Lugo 699 docentes, máis do dobre que hai 2 anos, cando comezou a funcionar a iniciativa.

Na sinatura acompañaron ao conselleiro a delegada da Xunta en Lugo, Raquel Arias; e máis o director xeral de Educación, FP e Innovación Educativa, Manuel Corredoira, entre outras autoridades.

Liñas de actuación

Os contratos-programa son unha iniciativa de innovación educativa que ten como obxectivos fundamentais a loita contra o abandono educativo temperán, a promoción da excelencia e a busca da excelencia educativa. Co desenvolvemento destes proxectos desde  o curso 2012/2013, Galicia situouse entre as primeiras Comunidades Autónomas de España no desenvolvemento deste tipo de programas.

Ao abeiro da mesma cada centro presenta propostas de actuacións para o reforzo do seu alumnado, baseándose nas súas particularidades, fortalezas e debilidades, arredor de 5 liñas diferentes nas que poden solicitar asinar un contrato-programa. Deste xeito, a liña 1, de Reforzo, orientación e apoio (PROA), busca mellorar as perspectivas escolares do alumnado con dificultades a través do traballo ou apoio organizado para a adquisición das destrezas básicas que lle faciliten a incorporación plena ao ritmo de traballo ordinario e ás esixencias das diferentes áreas e materias.

Así mesmo, a liña 2, de mellora das competencias clave, busca reforzar as competencias matemática, en comunicación lingüística e en ciencia e tecnoloxía.  Cómpre sinalar que este ano a liña de actuación número 2 subdivídese nas tres devanditas modalidades para avanzar no reforzo das competencias clave, de acordo coas liñas prioritarias da Lei para a Mellora da Calidade Educativa (LOMCE).

A liña 3 céntrase nas accións que repercuten na mellora do clima escolar e das relacións entre os membros da comunidade educativa procurando, a un tempo, a prevención do abandono temperán e do absentismo escolar; mentres que a liña 4 constitúe unha aposta pola atención á diversidade avanzado nas iniciativas de mellora do nivel de coñecementos para acadar a excelencia. A liña 5 está centrada nos equipos docentes e directivos e ten como obxectivo a mellora da calidade na xestión dos centros.

Na provincia de Lugo, en concreto, os 44 centros participantes desenvolverán 84 iniciativas arredor das devanditas 5 liñas de actuación, un 75% máis ca no 12/13. Delas 32 correspóndense coa liña 1, de reforzo, orientación e apoio (PROA); 13 coa 2a, de mellora da competencia matemática; 10 coa 2b, de mellora da competencia lingüística; 5 coa 2c, de impulso da competencia científico-tecnolóxica; 10 coa liña 3, de mellora da convivencia nos centros e da prevención do abandono temperán e do absentismo escolar; outras 10 coa liña 4, destinada a promover a excelencia educativa; e 4 coa 5, dirixida á mellora da xestión dos centros.

Un total de  350 centros educativos de toda Galicia – un 21% máis que no curso 12/13- desenvolverán este ano 709 actuacións nas diferentes liñas dos contratos-programa, beneficiando a case 53.500 alumnas e alumnos, case un 50% máis que hai 2 anos.

Dotación aos centros

Ademais do esforzo que supón o incremento anual de centros participantes nas catro provincias galegas, as distintas actuacións dos contratos-programa comportan un gran esforzo da Consellería tanto na dotación de profesorado como na asignación de recursos económicos para gastos de transporte e funcionamento.

Así, desde o día 9 de febreiro incorporáronse 95 profesores externos aos centros que desenvolven estas iniciativas, cifra moi similar á do curso pasado, ademais dos fondos adicionais que lles concede aos centros para que o profesorado en plantel asuma a impartición destes programas. En total este curso - entre ambas as modalidades- os contratos-programa implican a un total de 5.417 docentes.