Pontevedra e Vigo, próximas paradas das festas dos Axóuxeres no seu percorrido polas cidades galegas

Un espectáculo participativo de teatro, xogos e palabras centra esta iniciativa da Secretaría Xeral de Política Lingüística, dirixida a bebés de 0 a 3 anos

Ven, 17/09/2010 - 18:43
Algúns dos actores participantes no espectáculo
Algúns dos actores participantes no espectáculo

As Festas dos Axóuxeres farán parada en Pontevedra e en Vigo esta fin de semana, continuando co seu percorrido polas cidades galegas. Este espectáculo de música, cantigas, xogos e palabras destinado a bebés de 0 a 3 anos e mais ás súas familias estará no Pazo da Cultura pontevedrés o sábado, a partir das 12.00 horas, e no Complexo Deportivo das Travesas de Vigo o domingo, no mesmo horario.

As Festas dos Axóuxeres son unha actividade impulsada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística para promover a transmisión interxeneracional do galego e favorecer a súa introdución como lingua de comunicación na familia. No espectáculo que centra as festas, unha nena, Eli, axúdalle ao seu avó, interpretado polo coñecido actor Xosé Manuel Olveira “Pico”, a atopar o caderno no que este garda a súa memoria, os contos, os xogos e as cantigas que o facían feliz cando era neno. Os dous contan coa axuda de Totó, un boneco azul que empeza a pronunciar as súas primeiras palabras.

Materiais para a casa

Para que a actividade poida continuar na casa, a secretaría xeral pon a disposición dos pais e das nais as músicas, letras, xogos e demais materiais relacionados coas Festas dos Axóuxeres, que poden atoparse na rede, no portal da Secretaría Xeral de Política Lingüística (www.xunta.es/linguagalega). Ademais, este ano a actividade está presente nas redes sociais, a través dos enderezos www.facebook.com/axouxeres e http://twitter.com/OsAxouxeres.  Tamén haberá sorteos para os participantes nas diferentes actividades dos Axóuxeres (http://www.xunta.es/linguagalega/contanos_como_vivistes_os_axouxeres).

Os obradoiros: unha continuación das Festas e dos Encontros dos Axóuxeres

Nesta edición, o programa dos Axóuxeres conta cunha actividade que lles dá continuidade aos formatos das Festas e dos Encontros: os Obradoiros. Esta nova iniciativa, que se vai levar a cabo nas mesmas cidades que acollen as festas, consiste nun pequeno curso de masaxe infantil, música e cantigas de arrolo tradicionais galegas. Para asistir cómpre inscribirse chamando ao teléfono 630 230 338.

Os Axóuxeres constitúen unha iniciativa coa que Política Lingüística quere favorecer a transmisión do galego no seo da familia. Con este fin, a secretaría xeral creou un espazo de lecer pensado para os bebés, no que, ademais, os pais e nais poidan obter recursos para xogaren despois na casa cos seus fillos e fillas.

Menús News node R

Colectivo