O conselleiro de Cultura e Educación clausura en Santiago o programa de educación financeira de mozos e adultos do BBVA, no que participaron 450 alumnos e alumnas de 4 de ESO

A iniciativa foi seguida por dez centros educativos das catro provincias galegas e un total de cincuenta voluntarios

Román Rodríguez explicou que o obxectivo do programa é “axudar aos cidadáns a tomar conciencia do uso dos cartos e contribuír a mellorar a súa cultura financeira”

Xov, 12/02/2015 - 14:12
O conselleiro de Cultura e Educación clausurou o programa de educación financeir
O conselleiro de Cultura e Educación clausurou o programa de educación financeira de mozos e adultos do BBVA

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez González, acompañado de  Juan Carlos Hidalgo Guzmán, director da Territorial Noroeste do BBVA, e o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira, clausurou hoxe na sala Einsenman da Cidade da Cultura, o plan de formación financeira do BBVA destinados a mozos e adultos neste curso escolar. Tratase dun proxecto que contribúe á mellora da cultura financeira dos escolares para que tomen decisións axeitadas no marco económico.

Román Rodríguez subliñou no seu relatorio que “organismos como a OCDE e a Comisión Europea veñen incidindo na necesidade de acadar unha maior sensibilización e coñecemento dos temas financeiros entre a poboación, pola utilidade que representa contar con coñecementos nestas áreas”. “Seguindo estas recomendación- dixo o titular de Cultura e Educación- a consellería abriu unha liña de traballo innovadora con vocación de continuidade, na que había un déficit formativo, da que este proxecto é unha das ramas visibles, contando coa colaboración de diferentes entidades profesionais do sector, que poñen os seus coñecementos ao dispor da comunidade educativa”

Esforzo, solidariedade e aforro

O conselleiro concluíu a súa intervención trasladando o seu agradecemento “aos equipos directivos e docentes que participaron no proxecto, porque grazas á súa implicación e esforzo os seus centros víronse beneficiados podendo participar e reflexionar na adquisición de competencias e valores asociados ao uso do diñeiro, como o esforzo, a solidariedade e o aforro.” Ademais Rodríguez González resaltou “a implicación das ANPAS, xa que a súa complicidade amosa que a educación financeira  é positiva , útil para a vida cotiá e redunda en beneficio tanto dos estudantes como das súas familias”

Nesta primeira edición participaron un total de 450 mozos e mozas de 4º da ESO de 10 centros galegos, os IES Plurilingüe Eusebio da Guarda e Plurilingüe Adormideras da Coruña; o Mosteirón de Sada; o de Foz; A Xunqueira II e o Luís Seoane de Pontevedra; así como o Blanco Amor de Ourense, ademais dos CPR Montespiño de Culleredo e o don Bosco de Vigo. A Consellería colaborou na elección das escolas onde se impartiu o programa formativo e dos 50 formadores voluntarios.

Ao finalizar o período formativo fíxose unha enquisa entre os participantes que revelou que o aspecto mellor valorado polo 47,01% dos alumnos é a aprendizaxe e a aplicación  práctica dos talleres; así como o feito de que o formador voluntario sexa un profesional das finanzas. Ademais o 95% do alumnado afirmou que repetiría a experiencia.

Seis obradoiros sobre o mundo das finanzas

O obxectivo deste proxecto, seguindo as recomendacións e directrices marcadas pola Comisión Europea e a Organización  para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico (OCDE), é achegar a educación financeira ás aulas e tamén aos adultos mediante obradoiros específicos para nais e pais da AMPAS e profesores dos centros educativos.

Os talleres concibidos como un prantexamento teórico e práctico, baseanse no material pedagóxico deseñado polo Instituto de Estudos Financeiros e divídese en seis áreas temáticas. As cinco primeiras: “Administrando o teu diñeiro”, “Finanzas para a vida”, “As dúbidas cotiás de Jaime”, “Endebedar con sensatez” e “Investimento intelixente” foron dirixidas ao alumnado de cuarto da ESO. A última foi “Finanzas en familia”, programada para adultos.

O BBVA xa impulsou en 2009 o programa Valores de futuro, onde abordara temas relacionados co uso responsable dos cartos, no marco de educar aos alumnos de primeiro, segundo e terceiro da ESO e promovera valores como o esforzo, a solidariedade e o aforro, entre outros. Agora fomenta o proxecto ‘Educación Financeira para Xoves e Adultos’, dirixido a colectivos adultos vinculados aos centros escolares (AMPA’S), así como a profesores e alumnos de cuarto da ESO.