Cultura e Educación reforzará nunha segunda fase as liñas estratéxicas e medidas do Plan LÍA, a prol da mellora da calidade educativa a través do fortalecemento das bibliotecas escolares

A continuación do programa ten como obxectivo garantir a presenza estable de bibliotecas escolares en todos os centros educativos galegos non universitarios e xeneralizar o modelo bibliotecario escolar como centro de recurso de lectura, información e aprendizaxe

Sáb, 07/02/2015 - 11:10

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, está a traballar na segunda fase do ‘Plan de Bibliotecas Escolares para a Lectura, a Información e a Aprendizaxe’ (LÍA) despois do éxito acadado na primeira delas. Neste sentido cómpre lembrar que os resultados do informe Pisa 2012, en materia de competencia lectora, avalan o traballo realizado nestes últimos anos neste ámbito, xa que reflectiron unha mellora de 13 puntos nos resultados da proba que mide esa competencia no alumnado. Galicia, con 499 puntos, pasa de ser a 10ª Comunidade Autónoma a ser a 6ª nese informe, 11 puntos por riba da media nacional e 3 puntos por riba da media da OCDE. Cómpre sinalar ademais que a media nacional respecto do 2009 só se incrementou 7 puntos, case a metade ca galega.

Entre as medidas previstas para o período 2015-2020 do LÍA destacan o avance na incorporación no libro dixital nas bibliotecas escolares galegas, o deseño de accións para mellorar os hábitos de lectura en colectivos como o alumnado de ciclos formativos ou adolescente, ou a posta en práctica de programas para a mellora da competencia informacional e mediática do alumnado galego, esta última acción en consonancia coas propostas recollidas en directrices da UNESCO ou da propia Unión Europea.

Así mesmo, promoverase a coordinación entre os distintos programas de fomento da lectura aos que se poden adherir os centros educativos, facilitando o aproveitamento dos recursos.

Percorrido do plan

O Plan LÍA foi presentado no Parlamento en maio de 2010 co fin de estabilizar a Rede de bibliotecas escolares de Galicia, como centros de recursos para procesos de ensinanza e aprendizaxe, imprescindible para a adquisición das competencias básicas do alumnado e para a formación de lectores competentes, así como a consecución dos obxectivos xerais anteriormente definidos.

Entre outras moitas actuacións o LÍA contempla o Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE) con 550 centros no curso actual. Así, acolléronse a esta iniciativa o 69% dos IES de Galicia, o 59% dos CEIP de máis de 5 unidades; así como o 58% CPI, nos cales estuda maioritariamente alumnado de zonas rurais. Así mesmo tamén se implantaron os clubes de lectura en 228 centros de ensino secundario no 2014/2015. Ademais cabe subliñar o programa “Hora de ler”, para o fomento da lectura ou o proxecto E-LBE (E-Lectores nas bibliotecas escolares) que facilitaron o acceso de 4.700 alumnas e alumnos a lectores electrónicos, cunha valoración altamente positiva por parte do profesorado no que atinxe á contribución destes dispositivos ao fomento da lectura e á adquisición tanto da competencia informativa como doutras competencias básicas.

Para estimular as accións de voluntariado e solidariedade entre o alumnado tamén se puxeron en marcha distintas accións como os Voluntariados de lectura-A (primaria) e a Biblioteca Escolar (secundaria). Estas accións compleméntanse cun concurso de traballos por proxectos e distintas xornadas de formación.