A Consellería de Educación autoriza implantación de novos títulos adaptados ao Espazo Europeo de Educación Superior

Deste xeito continúase o proceso de adaptación, que chegará este curso 2010-2011 á súa fin

Xov, 16/09/2010 - 17:30

A Consellería de Educación autorizará 60 novas titulacións universitarias adaptadas ao Espazo Europeo de Educación Superior (EEES), despois de que o Consello da Xunta dese hoxe o visto e prace a estes plans de estudo. Deste xeito o Goberno galego dá un novo impulso ao proceso de adaptación ao EEES, que chegará este curso académico á súa fin.

Ao abeiro do decreto hoxe aprobado, aprobaranse 31 títulos de grao, ben que todas resultan da transformación doutras ensinanzas da antiga ordenación universitaria. Así, os 17 graos autorizados na Universidade de Santiago de Compostela resultan da transformación de 23 títulos vixentes ata agora, e os 14 graos da UVigo proceden de 15 transformacións de títulos anteriores. No caso da Universidade viguesa autorízase ademais, a implantación das titulacións de Educación Infantil, Educación Primaria, Enfermaría e Administración e Dirección de Empresas noutros centros, fundamentalmente na Escola de Negocios Caixanova, Escola Universitaria de Formación do Profesorado de EXB Maria Sedes Sapientae e as escolas universitarias de Enfermaría de Pontevedra e Ourense.

Respecto dos posgraos, o dito decreto concede autorización para que a USC imparta 14 másters, dos cales 8 proceden da transformación de títulos anteriores. Ademais, dáse o visto e prace á implantación de 6 novos títulos. Pola súa parte, dos 13 másters da UVigo, 4 resultan de transformación e 9 son novos. Ademais, os dous programas de doutoramento (un da UDC e outro da UVigo) incluídos neste decreto tamén resultan da transformación de programas de doutoramento da antiga ordenación das ensinanzas universitarias.

Doutra banda, o decreto aprobado hoxe impulsa a colaboración entre as universidades do Sistema Universitario de Galicia (SUG) e as de fóra de Galicia. Así, dos másters da USC, 3 son interuniversitarios, un coa UDC, outro coa Universidade de Granada e outro co Agrocampus Ouést da Université de Rennes. No caso dos másters da UVigo, 2 son interuniversitarios, un coa UDC e outro coa Universidade Católica do Porto.

Modificación e revogación

O Consello da Xunta aprobou hoxe a modificación da denominación de dúas titulacións de ensinanzas universitarias oficiais, fundamentalmente do programa de doutoramento en Tecnoloxías da Información e Comunicación en Sistemas de Telecomunicación da UDC, que pasa a denominarse programa de doutoramento en Tecnoloxías da Información e Comunicación en Redes Móbiles; e do de doutoramento en Comunicacións Multimedia da UVigo- agora en Aplicacións de Procesamento de Sinal en Comunicacións-. Por outra banda procédese a revogar, depois de que así o solicitasen as respectivas universidades, as titulacións de Máster Universitario en Seguridade Integral na Industria e Máster Universitario en Contabilidade e Finanzas, ambos os dous da UVigo; e
de Máster Universitario en Enxeñaría para o Medio Rural, da USC. No caso do programa de doutoramento en Economía e Empresa pola UDC, este doutoramento non chegou a impartirse e co tempo foi substituído polo de Competitividade, Innovación e Desenvolvemento: Análise Económica e Empresarial, polo que se autoriza agora a súa revogación.

Aproveitamento de recursos

Ademais, o decreto dá luz verde á supresión da Escola Universitaria de Estudos Empresarias e da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais por creación da Facultade de Economía e Empresa. Deste modo, a simplificación e fusión de centros busca unha maior eficiencia, racionalización e simplificación na utilización dos recursos humanos, materiais e académicos dispoñibles na UDC, por petición da propia universidade.

A UDC solicitou tamén o cambio da denominación da Escola Universitaria de Relacións Laborais de Ferrol por Facultade de Ciencias do Traballo, con base na transformación destes estudos dunha diplomatura a grao.

Cara ao EEES

Con este decreto a Consellería de Educación dá cumprimento a unha das exixencias da construción do EEES, o establecemento dun sistema de ensinanzas universitarias estruturado en tres ciclos -grao, máster e doutoramento-, e organizado sobre os principios de calidade, mobilidade, diversidade e competitividade. O novo catálogo deseña, ademais, unha oferta global, completa e versátil, sen duplicacións nin redundancias, que fai un aproveitamento eficiente dos recursos para mellorar a calidade do SUG. Ademais, pon á disposición do alumnado plans de estudo que permiten unha maior adaptabilidade a unha realidade laboral cambiante en exixencias e capacidades, que promove ao mesmo tempo a formación ao longo da vida, imprescindible na sociedade dos nosos días.