O Valedor do Pobo valida a actuación da Consellería de Cultura e Educación na atención ao neno con diabete escolarizado no CEIP Portofaro de Cambre

O alto comisionado, que dá por pechado o expediente, considera que a Xunta arbitrou as medidas necesarias e propuxo recursos axeitados para a solución do caso

Xov, 29/01/2015 - 16:00

O Valedor do Pobo vén de aprobar a actuación da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria na atención que lle está a ofrecer e prestar á familia do neno con diabete, escolarizado no CEIP Portofaro (Cambre). O titular da devandita institución confirmou a conclusión do expediente aberto e considera textualmente “que se arbitraron as medidas necesarias e se teñen proposto varios recurso axeitados, seguindo os criterios do persoal sanitario, para controlar a situación no entorno escolar, de modo que a actuación das administracións educativa e sanitaria axústase ás solucións posibles que a atención do alumnado demanda”.

No escrito do Valedor tamén se recolle textualmente que a Consellería “cumpriu co seu deber de solicitar aclaracións ao persoal facultativo especializado que realiza o seguimento clínico do menor, sobre o alcance das medidas de atención sanitaria do neno, tendo en conta que un dos informes médicos referíase a unha supervisión estrita do seu estado de alerta por ATS, e que necesitaba ´coidado continuo, directo e permanente´, sen determinar en forma algunha o alcance desa continuidade e permanencia”.  Sobre este particular, o Valedor argumenta que “de requirirse a presenza constante dun ATS encargado da vixilancia do menor, tal como a familia esixe, (…) habería que revisar a modalidade da escolarización tendo en conta que, na escolarización ordinaria, non está prevista legalmente a presenza na aula de persoal sanitario, en tarefas de vixilancia de alumnos de xeito individual”.

Cómpre lembrar que a Administración –que xa obtivo o respaldo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG)- ofreceulles aos pais dotar ao seu fillo dun dispositivo terapéutico que lle evitaría as crises de hipoglucemia; así como a inclusión do estudante no programa Alerta Escolar, coordinado pola Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que achega a atención inmediata e eficaz a todos os escolares de entre 3 e 16 anos que padecen algunha patoloxía crónica. Ademais, de xeito excepcional, tamén se lle brindou a posibilidade de matricular ao menor noutro centro educativo do municipio, que conta no seu plantel cunha profesional sanitaria que se encargaría da súa atención.

Ademais, o colexio Portofaro elaborou para este rapaz un protocolo específico -que nunca chegou a poñerse en marcha diante da negativa da familia-, a través do que se repartiron todas as horas lectivas e os recreos entre todo o profesorado, de xeito que o neno quedaría baixo a supervisión directa dun adulto en todo momento, mentres se desenvolva a súa vida no centro escolar. Tamén se regularon as saídas do neno aos aseos e o acceso da súa familia para efectuar os controis, así como a conservación da medicación de urxencia. Finalmente, incluíronse notas informativas para o profesorado que lles permiten identificar os síntomas físicos que poderían indicar unha inminente crise, así como xestionar os avisos e adoptar as medidas non médicas adecuadas mentres chega a familia ou os recursos de Alerta Escolar.