A Consellería de Cultura e Educación acorda coa Fundación Empresa-Universidade Galega que as becas de formación práctica para titulados en ensinanzas artísticas superiores teñan as mesmas condicións que as dos graduados universitarios
O conselleiro Xesús Vázquez Abad e mailo director xeral de FEUGA, Javier F. Pereiro, asinaron a addenda que beneficia aos titulados en ensinanzas superiores de Deseño, en ensinanzas artísticas superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais, en Arte Dramática e en Música
Trátase de que as persoas tituladas nestas ensinanzas –que veñen de acadar o nivel de grao por parte do Ministerio- teñan acceso ao programa de becas de formación de FEUGA nos mesmos termos que os establecidos para o resto das titulacións de grao
O número de beneficiarios deste programa de bolsas ascende a 1.088 estudantes
Xov, 29/01/2015 - 13:31
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Ab
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, e o director xeral da Fundación Empresa-Universidade Galega (FEUGA), Javier F. Pereiro, asinaron unha addenda ao convenio de colaboración entre ambas institucións

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, e o directorxeral da Fundación Empresa-Universidade Galega (FEUGA), Javier F. Pereiro, asinaron unha addenda ao convenio de colaboración entre ambas institucións polo que lles recoñece aos titulados en ensinanzas superiores artísticas as mesmas condicións que aos graduados universitarios á hora da concesión de becas de formación práctica.

Esta addenda enmárcase dentro do acordo subscrito en 2012 para titulado de formación profesional, que en 2013 foi ampliado aos titulados en ensinanzas artísticas e deportivas e que agora mellora as condicións dos titulados en ensinanzas superiores de Deseño, en ensinanzas artísticas superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais, en Arte Dramática e en Música, xa que recibirán as axudas en igualdade de condicións que os graduados universitarios. Trátase, por tanto, que as persoas tituladas nestas ensinanzas –que veñen de acadar o nivel de grao por parte do Ministerio-  teñan acceso ao programa de becas de formación de FEUGA nos mesmos termos que os establecidos para o resto das titulacións de grao.

Segundo explicou o conselleiro, Xesús Vázquez Abad, esta iniciativa ten como principal finalidade “proporcionar aos novos titulados maior formación e cualificación práctica co fin de facilitar a súa inserción laboral”. O conselleiro dixo que acordos coma este ratifican a aposta do departamento que dirixe coa formación dos estudantes galegos, ofrecéndolles ferramentas axeitadas para a súa inserción laboral.

O número de beneficiados deste programa de bolsas (incluídos tamén FP, Artísticas e deportivas) ata o de agora foi de 1.088,  dos cales 431 no ano 2013 e 657 no ano 2014.