Cultura e Educación impulsa a formación en materia de patrimonio moble coa convocatoria de oito bolsas

O persoal bolseiro realizará actividades de documentación e restauración de fondos en museos propios e xestionados pola Consellería durante seis meses

Xov, 15/01/2015 - 16:33

Para impulsar a formación do futuro persoal técnico en materia de museos e posibilitar a súa aprendizaxe, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria convoca oito bolsas de formación en materia de patrimonio moble galego. O persoal bolseiro realizará a súa actividade en diversos museos propios e xestionados pola Consellería durante un período de seis mesese serán dirixidos e coordenados polos servizos técnicos da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural.

A finalidade destas bolsas que se publican hoxe no ‘Diario Oficial de Galicia’, dotadas cada unha con 5.750 euros, é proporcionar unha formación teórico-práctica que, engadida á formación académica, contribúa a completar o currículo académico. Con este obxectivo, convócanse bolsas de documentación de fondos de patrimonio moble e bolsas de restauración de fondos de museos e coleccións visitables de Galicia.

As persoas que soliciten as bolsas de documentación deberán ter formación universitaria en historia ou antropoloxía, en historia da arte ou en arqueoloxía, mentres que para as bolsas de restauración se requiren estudos en arqueoloxía e pintura ou escultura.

A avaliación das solicitudes, que se poderán presentar ata o vindeiro día 16 de febreiro, efectuarase por unha comisión técnica presidida polo titular da Subdirección Xeral de Conservación e Restauración de Bens Culturais. Para a valoración de solicitudes terase en conta a titulación académica, o expediente académico, a formación complementaria e a formación en lingua galega.

Formación especializada en museos, arquivos e bibliotecas

Ademais destas bolsas en materia depatrimonio moble, a Consellería tamén vén impulsando a formación especializada en biblioteconomía e na organización, descrición e tratamento técnico dos fondos custodiados en arquivos a través da convocatoria de bolsas para reforzar a cualificación e preparación técnica do persoal nestes ámbitos.

Menús News node R

Tema