O conselleiro de Cultura e Educación salienta a aportación científica e o compromiso galeguista de Isidro Parga Pondal

Vázquez Abad participou na homenaxe que a Universidade de Santiago e o Foro Peinador rendeu a este persoeiro, con motivo da celebración do Día da Galeguidade Empresarial

Xov, 15/01/2015 - 14:21
O conselleiro de Cultura e Educación salienta a aportación científica e o compro
O conselleiro de Cultura e Educación salienta a aportación científica e o compromiso galeguista de Isidro Parga Pondal

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, participou esta mañá na homenaxe que a Universidade de Santiago en colaboración co Foro Peinador lle rendeu a Isidro Parga Pondal, co gallo da celebración do Día da Galeguidade Empresarial.

Na súa intervención, o conselleiro subliñou a figura de Parga Pondal e a súa traxectoria, sobre todo como científico e como galeguista, xa que –dixo– “sabía que o progreso económico da nosa comunidade tiña que ir da man da nosa lingua e da nosa cultura”. Vázquez Abad recalcou que o acto de hoxe é “un tributo de gratitude a quen soubo levar os valores importantes de Galicia, empezando polo idioma, á docencia universitaria e ao eido da empresa”.

Finalmente Xesús Vázquez Abad subliñou que “se Parga Pondal conseguiu integrar Galicia na modernidade científica e empresarial europea de hai oitenta anos, hoxe temos moito máis doado levar o seu espírito aos homes e mulleres que procuran un auténtico benestar colectivo”.

O Día da Galeguidade Empresarial consistiu no descubrimento dun busto do mencionado persoeiro, na Facultade de Químicas. Posteriormente nesta mesma facultade tivo lugar unha sesión académica dirixida a empresarios co obxectivo de lembrar a figura do homenaxeado. No acto estiveron presentes, entre outras autoridades, o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Juan Viaño Rey; o reitor da Universidade da Coruña, Xosé Luis Armesto Barbeito; o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero; o Fiscal Superior de Galicia, Carlos Varela García; o Presidente do Foro Peinador, Xosé González Martínez; e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.

Isidro Parga Pondal, que naceu en Laxe, formouse na Universidade de Santiago no primeiro terzo do século XX e completou os seus coñecementos noutras universidades Europeas. Destacado científico, galeguista e empresario, a súa traxectoria profesional céntrase sobre todo na aplicación da ciencia á industria mineira de Galicia e, neste ámbito, cómpre salientar a súa participación no Seminario de Estudos Galegos, así como a creación na súa localidade natal do Instituto Xeolóxico de Laxe, un centro de investigación de referencia en Europa.